Opinión

Rescates

Eu non sei se será por oficio ou polo que. O caso é que, do mesmo xeito que canta Serrat en "la bella y el metro", onde o escritor ve lectores, o podólogo ve xuanetes, o cura ve pecadores, o carterista ven primos, o banqueiro ve morosos, o caseiro ve inquilinos e a pasma sospeitosos, eu, cando reparo nunha imaxe informativa acabo vendo cousas que outros non ven, será por iso que hai uns días ó fío da desastrosa nube negra que pasou pola bisbarra de Monterrei eu vin na fotografía de portada que abriu aquel día varios xornais, un rescate que me fixo reflexionar. Reflexión que, como teño por costume, tratarei de compartir con vostede, benquerido lector.

Malia que xa pasaron uns días, agardo que aínda se lembre delas porque, se ben non eran imaxes cruentas nin tendenciosas e moito menos amarelistas, si que portiñan un certo impacto informativo, razón pola cal entendo que os responsables de edición dos respectivos medios decidiron levala á portada daquel día.

Tratarei de describirlle unha delas brevemente co fin de  realimentarlle a memoria. Tal como indiquei liñas enriba, a fotografía en cuestión que ilustraba a súa correspondente peza informativa reproducía a imaxe de tres ou catro gardas civís e membros de protección civil transitando pola rúa dunha localidade calquera daquela comarca, coa auga mollándolles as pernas por baixo dos xeonllos. É dicir, unha ou dúas cuartas de nivel, o suficiente para causar estragos nos enseres, pero non para poñer en perigo a integridade de ningunha persoa.

Loxicamente, a fotografía non chamaría a atención se os dous ou tres gardas civís e os membros de protección civil  camiñasen comodamente pola rúa transformada nun regato.

O interese informativo ou, mellor dito, o pequeno impacto informativo que a mesma provocaba radicaba en que cada un dos funcionarios leva no seu colo o seus correspondente raparigo. E non uns raparigos en idade de gardería, senón en lustrosa idade escolar, entre os 12 e os 15 anos, poñamos por caso.

Non sei, chámeme inoportuno, impertinente ou o que queira, pero a min, ver a catro rapaces no colo dos corpos de rescate en actitude de non mollar os pés, provocoume unha sensación, digamos, incómoda, por non utilizar outro cualificativo máis expresivo.

Estou seguro de que, calquera dos rapaces que aparecen na fotografía, fóra do campo visual da foto, en pantalóns curtos como estaban e coa temperatura estival pola que estamos atravesando, estarían encantados de aproveitar a riada para faceren algo de bricadeira húmida.

En fin, evidentemente o fotógrafo fixo o seu traballo e os rescatadores tamén, pero a estampa conseguida, a min semelloume que viña a banalizar outros acontecementos certamente tráxicos, nos que a vida non é unha brincadeira e sentir algo de lástima mesturada cun lixeiro aceno a vergoña allea.

Te puede interesar