Opinión

A que sabe unha foto e branco e negro?

Se lle pregunto, seguro que me responde de forma afirmativa. A que, cando pensa nalgún suceso ou algún acontecemento que tivo lugar alá polos comezos -ou mesmo no primeiro terzo- do século XX, se lle ven á idea unha sociedade que camiña polas rúas de forma acelerada e na que as cousas, os edificios e as roupas das persoas carecen de color?

É, evidentemente, o poder visual que exerce sobre nós a imaxe en movemento das primeiras cámaras filmadoras que gravaban a menos dos 24 fotogramas por segundo e cando se reproducían daban a sensación de que a xente andaba a toda presa, cando, realmente acontecía todo o contrario do que acontece hoxe.

Do mesmo xeito, cando hoxe en día vemos unha imaxe conxelada, é dicir, unha fotografía, en branco e negro -e xa non digamos en sepia- acontece que de súpeto nos xera nostalxia por un tempo ido, malia que nós xa nin sequera o viviramos.

Pois ben, a nostalxia dun tempo que voou é ó que sabe no padal da evocación, unha fotografía en branco e negro, que non resiste, nin moito menos, a mirada de tódolos fotógrafos, nin tampouco as olladas de calquera autor.

Pensei nisto onte, cando tiven tempo de contemplar de vagar e en solitario a exposición que Tomás Vega Pato ten colgada esta tempada no piso alto do Centro Cultural Marcos Valcárcel e que, con tal poder de evocación me transportou ós tempos nos que a xente "vivía" en branco e negro que por un tempo tiven a sensación de estar contemplando fotografías daquel alonxado inicio do século XX e non dos derradeiros anos desa mesma centuria, que é a onde realmente pertencen a grande maioría do cento de imaxes que o que fora, entre outras cousas, fotógrafo da Deputación, seleccionou para completar unha antolóxica que paga a pena visitar, precisamente, por ese poderoso efecto de evocación que transmite.

Os ourensáns, gracias fundamentalmente ó asombroso traballo de compilación e de divulgación que dende hai máis dunha década leva realizando, neste e noutros medios, Rafael Salgado, poderiamos dicir que somos expertos na fotografía histórica de autor.

De aí que se necesita valentía e un gran dominio dos segredos da ollada fotográfica para expoñerse ó observador crítico con imaxes máis ou menos actuais -de entre inicios dos anos 80 a comezos de século- e coa técnica bicolor.

E así o ten feito Tomás Vega, regalándonos unha colección que nos traslada por tódalas teclas fotográficas -fotografía artística, humana, de natureza, de rúa, monumental ou etnográfica- e nos permite atopar nelas ese agradable sabor a evocación ó que sabe unha fotografía en branco e negro. Noraboa, pois.

Te puede interesar