Opinión

Sacarlles os colores

Vaia por diante a miña máis sincera noraboa a ese mozo coruñés, residente ocasional en Ourense, que esoutro día viu a información publicada por este xornal (con ver a segunda foto da portada xa abondaba) sobre a porcallada -que non magosto- que algúns fixeron no Montealegre e decidiu colocarse no contrapeso da romana do incivismo e subiu ata o monte para colaborar nos labores de limpeza do espazo, tratando de equilibrar coa súa acción, aínda que fose minimamente, a barrabasada medioambiental que, baixo a capa do San Martiño, outros executaran o día anterior.

Ó fío disto, permítame, benquerido lector, relatarlle un episodio que adoita ser relativamente común no meu entorno cotián, máis concretamente no popularmente coñecido como claustro barroco do mosteiro da miña vila.

Dado que o fermoso espazo porticado adoita estar aberto dende que sae o sol ata que o substitúe a lúa por mor de dar acceso a diversas dependencias públicas, son moitas as xentes de tódalas idades que ó longo do día o utilizan, ben como resgardada "ruta do colesterol", ben como simple espazo de tertulia, ben como lugar de descubrimento dos primeiros bicos falsamente roubados entre parellas, razón pola cal non adoita estar nas impolutas condicións de limpeza que a calidade arquitectónica do espazo merecera.

Son os contrastes de conviencia entre a conservación do patrimonio e o seu uso, pois se tan criticable é telo coma unha piltrafa, estou seguro de que a estas alturas tampouco tería moi boa lectura por parte dos meus veciños conservalo coma unha patena para gozo e desfrute de practicamente ninguén.

Se ben a grande maioría úsao dentro dos cánones dos respecto polo monumento que o mesmo esixe, sempre hai algunha xuventude un tanto desclasada nos valores mínimos da urbanidade, que mal entende iso das portas abertas e pensa que porque están así, nel pódense facer as máis obtusas gamberradas coma, entre outras cousas, pintar nel.

Non é a primeira que me acontece informar a máis de un -ou unha, que nisto si que se cumpre a igualdade- de que se non recollen o que impunemente estar a tirar ó chan, alguén o vai ter que recoller por eles. E non é, polo tanto, tampouco a primeira vez que alguén me contesta coa mesma impunidade e bastante máis cara dura que para iso están os "barrendeiros", contra o que non hai moito máis que facer ca calar, non vaia ser que se xere un conflicto interxeneracional.

Na mesma información do mozo, leo que o concelleiro José Araujo avoga por "poñer en valor ós mozos que limparon" o monte. E é certo.

Pero eu avogo tamén por sacarlles os colores ós que non teñen o máis mínimo respecto pola cousa común -sexa esta un monte ou un monumento- por máis que a un o acusen de ser un vello carcamal.

Te puede interesar