Opinión

Se eu fose Feijóo...

Dou por suposto que se vostede ten comigo un trato persoal e é coñecedor das dúas torgueiras das que proveño, estará dicindo: "Pero, este que di, se é Feijóo de segundo!

E non lle faltará razón, porque o meu segundo apelido -é certo- é o que reza sobre o capitel desta columna. Para ser máis exactos, o segundo e o cuarto, xa que miña nai é Feijóo o cadrado.

Do que se trata, pois, non pretendo máis ca reclamar a súa atención. E unha vez conseguido, lograr mantelo atado á columna ata a derradeira letra.

Vexamos, entón.

Se eu fose Feijóo, o outro Feijóo. E non o Padre Feijóo. Nin o das gaseoas Feijóo. Nin o dos queixos Feijóo. Nin ningún outro Feijóo de entre os moitos que coñezo, senón o Feijóo que nos preside a todos, faría exactamente o mesmo que el está facendo e de seguido explícolle por que.

Refírome a esa especie de feitura de voltas un tanto desesperada á que o está acometendo a, hoxe por hoxe, máxima responsable de Cidadáns, Inés Arrimadas para que se una en asociación de intereses compartidos ou, coma acontece coas compañías cando concorren a algún contrato moi oneroso, en unión temporal de empresas, co fin de presentaren unha candidatura conxunta para o próximo día 5 de abril.

Pois ben, repito, se eu fose o Feijóo presidente da Xunta e candidato a outros catro anos de mandato en Galicia, diríalle tamén á moza catalá que cada quen percorrese de seu o seu propio camiño, por unha simple razón que tratarei de explicar a partir dunha sinxela pregunta.

De onde poden procederen os votos que caian na saqueta do partido alaranxado?

Evidentemente non hai que ser moi espabilados para pensar que iso que lle chaman graneiro -eu voulle chamar canastro- de onde este partido podería ripar o millo que non ten, é exactamente o mesmo que ata o de agora mantiña cheo Feijóo (e digo con intención Feijóo e non o Partido Popular polo que todo o mundo sabe).

De ser así, que lle achegaría nestes intres -poderiamos preguntarnos-, Cidadáns a Feijóo camiñando xuntos? Ó meu ver, absolutamente nada. E traio a colación o seguinte exemplo:

Poñamos un votante procedente do sindicato de cabreados. Votaría á coalición polo simple feito de que a candidatura levase a alguén de Cidadáns mesturado no medio dunha lista feijoísta?

Dáme que non.

Sen embargo, se Cidadáns se presenta só, ese voto -que Feijóo tería perdido de todas, todas- podería acabar sumando ó seu favor se é que Cidadáns lograse algún deputado. Ou e é que Arrimadas se “arrimaría” á chamada coalición de progreso? Pois iso... Se eu fose Feijóo...

Te puede interesar