Opinión

Selfies e insultos

De todo canto declarou o xa dimitido concelleiro de Ourense, José Araújo, perante os medios de comunicación, ás portas mesmo do Concello que acababa de abandonar, quen sabe se só por un pequeno paréntese de tempo, igual que supoño -moi probablemente- que lle aconteceu a vostede, eu fixeime basicamente en dúas palabras coa súa correspondente conxunción, que, como acaba de ler, son as mesmas que están na cabeceira desta columna.

E fixeime nelas porque se ben resumen a -non sei se debería dicir- vergoñenta travesía que ven cruzando en permanente marexada a corporación municipal ourensá (que mesmo é quen de nos sacar as cores máis vivas da vergoña allea ós que nin sequera vivimos na capital), teñen a capacidade de condensar con absoluto dramatismo os tristeiros momentos (non só políticos senón e o que é máis grave, incluso sociais) polos que por desgracia estamos cruzando todos. Os de aquí e os de acolá.

Mira que levan décadas as cámaras de fotos equipadas con ese botonciño de retardo de tempo que serve para sacar fotografías cando todos, incluído o fotógrafo, queren saíren na fotografía e non teñen a man ningún penitente que poida disparar o trebello fotográfico!

Sen embargo tivo que dar cabo de nós este tempo sen tempo e sen razón no que xa non existe o presente -ou no que só existe o presente -quen sabe?-, para que teñamos descuberto a Antártida da fotografía e teñamos caído presos desa absoluta memez que consiste en reportar compulsivamente cada un dos nosos movementos cotiáns nun muro público, pensando que con só ese exercicio pseudomediático, repetido e repetido ata nos esgotar, xa somos alguén ou estamos facendo cousas importantes. Coitadiños de nós!

A vida cóntase en selfies. Dá o mesmo que sexa para celebrar un aniversario ou para contar que te están operando dun ril denantes de caer no sono da anestesia. Que máis da! Se non o contas é cando non formas parte do mundo porque non lle estás dando envexa a ninguén. En fin...! A vida, como ben denuncia Araújo -olé pola súa valentía!, digo de paso-, non existe, se non tes un selfie que a corrobore.

Como tampouco existe a vida política se non hai media ducia de insultos que medien en cada conversa entre dous contrincantes partidarios, que a estas alturas son máis inimigos entre eles cós "roxos" e os "azuis" de cando a guerra do 36. E se non hai sangue polo medio é porque, por fortuna, non hai facilidade de conseguir unhas pistolas á man.

É certo que non foron as únicas declaracións coherentes que fixo. Pero eu -repito- reparo nestas, porque se aínda queda algún gramo de sentido na clase política en xeral, deberían tomalas como expresión de cabeceira e almorzaren con ela tódalas mañás.

Te puede interesar