Opinión

Señora azul

Hai uns días tiven o suficiente vagar como para dedicar unha ducia de minutos a ver un vídeo na rede que no me deixou indiferente.
Puiden ler ou escoitar as declaracións de Pachi Vázquez, tratando de xustificar por qué agora, na hora serodia, se lle deu por colocar tal petardo explosivo sobre os alicerces do que foi -coido- seu amigo e, en consecuencia, sobre os pilares das súas propias orixes políticas. Puiden procurar a opinión que sostén a decisión que acaba de tomar a alcaldesa de Parada do Sil, virando a veleta que marca o norte do seu consello. Incluso, hai xa unhas semanas (porque tiven oportunidade de facelo en persoa) tamén puiden rexistrar de viva voz as razóns polas que José Araújo decidiu baixar as escaleiras da praza Maior da capital para non volvelas subir cos mesmos pasos.

É máis, se me apura, case podería ter pedido tamén a opinión do exalcalde de Piñor de Cea. Ou do ex-gardacostas do ex-presidente da Deputación... Ou a de Bieito Ledo (neste caso aínda o podo facer), para saber por qué despois de tantos anos de independencia intelectual, de súpeto a un lle entra o formiguillo da política local a pé de corredoira.

Seguro que se tivera decidido facelo, atoparía en cada caso unha xeira de motivacións tópicas, e probablemente algunha algo menos confesable, que me axudarían a tomar perspectiva sobre todas elas, xa que logo -e neste caso, a do amigo Bieito poida que sexa a máis diáfana e menos comprometida- non debe ser doado prepararse mentalmente para tal exposición pública, non só perante os inimigos que un ve pasar polas beiras, senón -e o que é peor- dos que se din amigos e logo lle quitan a un a pel a barazas.

Podería terme fixado en calquera deles, pero, non sei por qué, a mirada chantóuseme (sería, se cadra, pola vella canción do mesmo título) nunha moza que ó longo destes últimos anos se nos foi aparecendo cada cando, tanto nas redes coma nos medios de comunicación, sobre fondo azul, predicando o credo semanal dos logros da institución que con oficio de transparencia orgullosamente representaba.

Dediqueille a xa anunciada ducia de minutos que utilizou para tratar de elaborar un discurso argumental e mentres -como din os mexicanos- platicaba (todo sexa dito de paso, agora nun castelán máis propio de Valladolid ca de Xinzo de Limia), a min víñanseme -unha tras outra- á idea as estampas repetidas sobre fondo azul que agora a perseguirán a cada paso que dea e a cada opinión que emita.

Vivimos tempos complicados porque xa non temos dereito ningún -por máis que no lo outorgue a lexislación- a que se nos esvaia o pasado. De aí que me sorprendeu a banalidade e a fachendía coa que, "con olímpico desdén" –agora laranxa- ela mirou cara as costas. Probablemente porque aínda non leu a letra da canción que titula esta columna.

Te puede interesar