Opinión

Solidariedade ou publicidade?

Non sei por qué, pero cada vez con máis frecuencia me acontece que o que á maioría lle soa a música celestial, a min antóllaseme melodía desafinada.

Será que me vou facendo maior e coa idade os pestilos receptivos que nos manteñen a cotío os sentidos conectados co mundo das percepcións se me van oxidando e xa non miran nin escoitan como mira ou escoita a maioría. Se cadra é lei de vida. Non o sei...

Pero así o sinto -qué lle vou facer!- e como o sinto así, así o escribo co fin de continuar, polo menos, mantendo aceso ese principio irrenunciable da honestidade que todos cantos temos o privilexio de expresar dun xeito público as nosas opinións, debemos manter malia que as nosas opinións vaian a miúdo contra corrente ou por un vieiro radicalmente diferente a por onde camiñan as miradas coa que son analizadas determinadas informacións pola opinión publicada.

Ven a conto, esta reflexión, ó fío da transcendente peripecia que por lotería mediática lle tocou ó xa por todos coñecido adestrador de fútbol sirio que onte tivo oportunidade de visitar xunto cos seus fillos o mesmísimo Santiago Bernabeu e que uns días denantes vira cómo se lle abrían as portas do ceo por obra e gracia da providencia doutro colectivo ligado ó fútbol -a escola nacional de entrenadores-, que lle acababa de ofrecer casa, traballo e futuro por mor -ironías da vida- dunha reprobable cambadela provocada en campo aberto por unha cámara de televisión e que toda a humanidade tivemos ocasión de vela coma se se tratase dunha retransmisión.

Despois de ver o tratamento informativo e de ter escoitado nunha televisión unha breve entrevista que lle fixeron ó promotor da súa chegada á España, foron varias as preguntas que xurdiron no meu interior e que non reproducirei aquí por falta de espazo.

Cando a xornalista lle preguntou ó entrevistado cómo xurdira a idea de procurar entre tanto refuxiado ó adestrador, o entrevistado, facendo uso dunha sinceridade creo que non valorada, declarou que ó saber que era adestrador de fútbol decidiran dedicar unha partida que tiñan destinada a publicidade para poder facerlle fronte á súa contratación.

Eu non sei se o venceu o subconsciente. O que si sei é que con esa partida publicitaria xamais chegarían ós medios de comunicación ós que chegaron coa contratación. E iso, sen ser reprobable -coma a cambadela-, a min xérame máis de unha contradicción.

Te puede interesar