Opinión

Soños e realidades

Anda a política local transitando por todo o país a través de camiños, vereas e canellas ateigados de soños, ensoños e posibles realidades que han de ser acometidas -ou non- no futuro.

Neste contexto, malia que a noticia xurdise nun lugar que nestes intres non está mediatizado por interminables campañas electorais como é o caso de Portugal, leo a nova sobre a intención dunha parte política dos nosos veciños do sur que comezaron a reclamar un aeródromo -non me atrevo a chamarlle aeroporto- para o distrito de Brangança co fin de aproveitar o fluxo de pasaxeiros que han chegar en pouco tempo por tren ás portas de Galicia, arribando na estación da Gudiña.

Leo esta información, xunto cos apoios inmediatos -neste caso si que, posiblemente, mediatizados polo estado electoral no que moramos- recibidos dende distintos estamentos da nosa provincia e non podo menos ca referendar, unha tras outra, tódalas palabras inseridas hai uns días polo meu colega de páxina e vello compañeiro de andainas culturarais, Afonso Vázquez-Monxardín.

Escirbiu Monxardín que, cando viu esa "nova difusa" sobre a construcción do aeroporto no interior do norte lusitano, non puido menos ca sorrir, xa que logo, ó considerar que "hai tantas probabilidades de que se faga un (aeroporto) con conexións internacionais en Bragança como que se constrúa unha base de submarinos do Pacto de Varsovia en Lobios."

É posible que non se poida describir mellor, coa fina retranca que o caracteriza, a diferencia que existe entre os soños e as realidades. Ou, para sermos máis explícitos, os soños electorais coas realidades institucionais.

Pois de soños electorais -posiblemente ligados ás eleccións europeas ó outro lado da raia- falamos cando nos referimos a ese faraónico proxecto para unha terra tan deshabitada -ou máis- cá nosa, a non ser que Portugal desexe reproducir os graves erros de planificación aeroportuaria que foron cometidos nas últimas décadas en España e, polo tanto, tamén en Galicia.

Outra cousa -como tamén contrapón con audacia argumental o meu colega- é o trazado que comunica polo de agora a autovía Vigo-Madrid coa Baixa Limia por Celanova e que, máis cedo ca tarde, terá que ser rematada na autoestrada que de Vigo a Lisboa cruza a carón de Ponte de Lima.

Por algún lado lin, logo de ter escrito Monxardín a súa columna, que un dos obxectivos inmediatos do presidente da Xunta vai ser acometer co seu homónimo en Madrid, o enlace Lugo-Ourense (antiga N-540). Pois ben, como el ben sabe, os quilómetros que faltan non son máis continuación daquela mesma N-540, pero a un lado e a outro da fronteira.

Velaí, pois, a diferencia entre os soños e as realidades. Uns fannos pasar unha noite pracenteira e as outras axúdannos a vivir mellor unha vida enteira.

Te puede interesar