Opinión

Souto a souto…

Fai algún tempo nese lugar/ onde hoxe os bosques visten espiños,/ escoitouse a voz do poeta berrar:/ (Camiñante non hai camiño,/ faise camiño ó andar...)/ Golpe a golpe, verso a verso...

Velaí as fermosas palabras do poeta que me veñen á memoria coma unha cantiga popular cando o xornal me lembra que un fato de mozos acaban de ser recoñecidos por un proxecto de futuro en Manzaneda que debería formar parte do manual de supervivencia do medio rural que este noso país debería ter escrito e divulgado dende hai moitos anos.

Malia cometer o sacrilexio de remexer nas palabras encadeadas do poeta, permítame o lector mudar  o verso final do fragmento e escribir, "golpe a golpe, souto a souto", porque de soutos vai o proxecto que eles denominaron Amarelante e que está facendo revivir, sen as presas que non permiten os ciclos vitais dos castiñeiros, pero tamén sen a pausa que esixe un proxecto empresarial con tódalas consecuencias.

Coñezo o proxecto por un dos cooperativistas, gaiteiro tamén de oficio e ademais diso magnífica persoa, e da súa man sei o que lles ten costado "facer camiño ó andar" dende aqueles días do 2013 nos que decidiron dar o primeiro paso e facendo causa común, apostar de vez por facer da terra e da natureza unha parte importante do seu xeito de vida.

Comezaron cun pequeno souto abandonado. A ese seguiulle outro alugado. E a ese outro, cedido. E  outro, e outro.... E de tal xeito comezaron o camiño, paseniño, paseniño..., ata conseguir introducir no mercado, non só as castañas que a forza de derrear as súas costas novas foron apañando cada tempada e agora comercializar xa algúns productos derivados coma a fariña de castaña, a bica, etc., productos que deberíamos mercar, non xa só pola súa calidade, senón incluso por militancia en favor da nosa propia convivencia. Polo de agora aínda os pasos da miña vida foron quen de me levar ata Irlanda, pero xentes moi próximas a min contáronme non hai moito que en Dublín seica quixeron instalar un centro comercial alemán coma os que nós temos por aquí e, malia que nun principio eran reacios a poñer á venda productos locais (porque o seu negocio é precisamente vender os deles por Europa adiante), ó final non lles quedou máis remedio ca abrir unha liña para eles, baixo o risco de teren que pechar as portas.

Non pretendo eu facer apoloxía do boicot, que non creo nesas cousas. Pero si me gustaría aproveitar este premio que lles concederon dende a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), ademais de para felicitalos publicamente, para exhortar a todos e cada un de nós á militancia comercial en favor de iniciativas coma esta, porque, militando no compromiso co seu futuro estaremos militando tamén no compromiso co noso propio futuro colectivo.

Te puede interesar