Opinión

Sr. Casado, a lingua élle unha cousa seria

Estimado Sr. Casado:

Acabo de ler unhas declaracións que fixo hai dous días, non sei se en Santiago ou en Pontevedra -o lugar resulta insípido para o prato que pretendo cociñar-, polas que me pide o corpo escribirlle esta sorte de carta aberta, co encargo de que  alguén que forme parte desa pequena cadea que intermedia entre dúas persoas lla fagan chegar, porque estou seguro de que a súa lectura vaille resultar de proveito para futuras ocasións nas que por "h" ou por "b" se achegue por esta nosa terra.

Dado que, como dixo nesas declaracións ás que fago referencia, seica de cando en vez se lle dá por falar galego na intimidade igual có seu mentor facía co catalán hai anos, a carta vaille escrita en galego, lingua que utilizo a cotío na columna, porque son dos que penso, tal como indico no titular, que a lingua é unha cousa seria e, como tal, creo que debe ser tratada, sen sometela a inoportunas banalizacións que pretenden caeren en gracia, cando me dá, que do mesmo xeito que me acontece a min, non foi levado vostede a beber na fonte máxica dos licores da simpatía.

Se vostede soubese -ou alguén o tivera informado- de que é, precisamente, no ámbito da intimidade, do entorno familiar e da practicamente nula comunicación interxeneracional existente na lingua galega, onde asenta a verdadeira problemática do noso idioma e a súa principal ameaza para o futuro, estou seguro de que por máis que se lle pasasen pola cabeza as declaracións catalo-aznarianas doutrora, a referencia neste caso non superaría en ningún momento o marchamo de idea peregrina e deixaríaa no caixón dos silencios oportunos, que seguro que ten unha boa colección deles para tranquilidade súa e descanso intelectual da audiencia.

É dígolle isto porque, do mesmo xeito que lle explico que a lingua élle unha cousa seria, tamén gobernar é unha cousa seria, por máis que nos tempos que corren, parafraseando ó ilustre Rodríguez Zapatero, todos saibamos xa que a democracia é "algo tan grandioso" que incluso pode chegar a permitir que sexa presidente alguén coma el, coma Pedro Sánchez ou coma vostede mesmo, que, como me pasaría a min, pola experiencia de xestión atesourada, malamente seriamos capaces de dirixirmos -e non digo xa musicalmente- un colectivo do tamaño dunha orquestra.

Estimado Sr. Casado. Xa que fixo una aproveitada declaración de amor pola nosa lingua, recoméndolle encarecidamente que aproveite a ocasión para afondar un pouco nela, lendo algunhas letras dos nosos clásicos e dalgunha que outra firma que anda por Madrid. E mentres as le, faga propósito de emenda e comece por borrar do ideario do seu partido esa visión monolítica do Estado, porque somos exército os que si falamos galego, vasco ou catalán na intimidade e, sen embargo, cremos firmemente na España diversa.

Te puede interesar