Opinión

Supremacismos e normas

Leo, con certa sorpresa -como supoño que tamén lle acontecería a vostede- a información que publicou hoxe -onte, no seu caso- este xornal e que se refería á posibilidade de exploración por parte do partido socialista da capital dunha moción de censura a raíz da dimisión dunha concelleira do grupo do alcalde. Dimisión que, por certo, administrativamente aínda non se substanciou ata hoxe mesmo.

E digo que ollei a información con sorpresa, non tanto pola noticia en si mesmo da presentación dunha moción, pois a estas alturas calquera cousa e a súa contraria poden acontecer na vida pública española en cuestión de minutos, senón pola rapidez coa que se puido ter executado, cando non pasaron aínda dous meses dende que os novos gobernos municipais tomaron posesión dos seus cargos e andan aínda na fase dos encaixes de bolillos para tratar de se faceren coa situación, en moitos casos prevista, pero noutros moitos, como é o caso da capital, completamente inverosímil a primeira vista.

Supoño eu, e penso que non supoño mal, que cando o lexislador optou por incluír na lei a potencialidade correctora dunha moción de censura nos gobernos municipais sería co obxectivo de sancionar a un alcalde ou unha alcaldesa e o seu grupo de goberno por considerar nefasta para o ben común a súa xestión. Pero, para que haxa xestión e que esa xestión poida ser analizada, di a lóxica que ten que pasar un tempo. Repito, entendo eu.

Un tempo que neste caso aínda non pasou, por máis que no pouco que transcorreu a cidade teña viaxado á velocidade do Ave por unha vía tan sinuosa como a dunha montaña rusa.

Non é a miña intención corrixir a ninguén como adoito escribir neste espazo con frecuencia, pois a democracia, por máis que sexa imperfecta, é así de grandiosa que lle permite a cada quen propoñer e facer o que desexe, outra cousa é despois cando toca a revisión electoral. Entón aí cada quen ten que se ater ás consecuencias. Que lle lo pregunten, senón, ós efémeros rexedores das Mareas.

Pero, sen tratar de introducir elementos correctores, o que si creo é que toda persoa que decide dar o salto á area política -igual que todo xogador que se mete a futbolista- debería aprender como primeira lección que as normas que regulan o seu funcionamento -igual que o regulamento do fútbol- son aplicables para todos en igualdade de condicións, gusten ou non gusten os resultados. É dicir, se 7+7 suman 14 e 14 é a maioría absoluta dunha corporación, sexan brancos, negros, altos, baixos, paios ou xitanos os que compoñen tal maioría, esa maioría debe ser inicialmente aceptada por cultura democrática, malia que proa cada vez que se nomea. O contrario raia co supremacismo tan de moda. E iso, cando menos, é moi pouco ético.

Te puede interesar