Opinión

Tal ten xan coma pirillán

Acabo de recibir un vídeo que reproduce unha entrevista -se é que se lle pode chamar así- dos conductores dun programa dunha canle de televisión de alcance nacional, co alcalde de Ourense, de hoxe pola mañá (onte, para vostede), ó fío da patética degradación que día tras día vai sufrindo o Belén "máis feo de España" (segundo titulaba a propia televisión nos textos de pé de imaxe) e que, mentres cada vez a máis xente lle vai provocando máis mofa, cada vez con meirande imaxinación, a min vaime provocando novas reflexións, logo da que escribín, por insultante comparación, a semana pasada con respecto ó desanxelado e probablemente "un dos máis bonitos de España", Belén de Baltar.

Creo que a entrevista durou máis tempo. A min abondoume con estar atento ós pouco máis de cinco minutos que me enviaron de recorte. Cinco minutos que son un monumento-fusión ó antixornalismo e á antipolítica, cuns tertulianos ouveando coma cans babados cara o histrión e cun alcalde espido tratando de convencerse a el mesmo de que a máxima, "un fracaso pode ser convertido nunha oportunidade" era a tal para esta ocasión e asegurando, sen o máis mínimo rubor, que eses minutos da súa presencia nunha televisión estatal xa xustificaban de pleno o gasto dos non menos famosos 18 mil euros que seica custou.

E aínda máis. Sendo quen de exercitar o que poderiamos chamar deseño-aprobación-difusión da política cultural da cidade "online", xa que logo, tampouco tivo o máis mínimo reparo en anunciar tan pronto o impulso eléctrico lle alumeou o entrecello, que o estrafalario belén viñera para se quedar e que aí volvería estar o próximo ano para que continuara dando que falar. E a costa de dar que falar e dar que falar convertelo nun reclamo tradicional da cidade. Vaia! Coma as luces do outro, pero sen tanto megawatios, que son perigosos.

Aínda debería determe tamén nunha terceira faceta da que fixo gala introductoria no transcurso da entrevista, como foi o de alcalde-escapista, incapaz de asumir como propios os posibles erros (seguro que os éxitos -se algún día se dan- non llos ha deixar render ós técnicos) que puideran ter cometido os funcionarios do departamento de Cultura.

Pola parte do antixornalismo, o asunto ben daría para outra columna. Pero só o abordarei cunha pregunta: Por moito que o belén fose o espantallo máis horroroso de Europa, vostede cre que reclamarían a opinión do alcalde e se preocuparían de Ourense se non soubesen que adoita ofrecer carnaza magra e fresca –sobre todo en directo- en cada declaración?

Te puede interesar