Opinión

Tapando baches

Denantes de devalar pola pendente pola que hoxe quero esvarar, permítame -benquerido lector- poñer os bois por diante do carro e non ó revés, e trasladar publicamente o que xa fixen en privado, é dicir, darlle os meus máis sinceros parabéns ó bo e vello amigo e compañeiro nestas páxinas, Afonso Vázquez Monxardín, por ter sido nomeado académico correspondente da Real Academia Galega hai uns días, referendando así o seu acumulado labor.

Mestre en lingüística, historiador das pequenas e grandes cousas de Ourense e da Galicia da emigración, xestor cultural dende os anos mozos do Clube Alexandre Bóveda e hoxe secretario da Fundación Otero Pedrayo, para a que, xunto ó seu presidente Juan Saco, ten moitas e moi boas ideas, co fin de conseguir converter a Casa Grande de Cimadevila e por consecuencia, Trasalba, nun referente asentado do turismo cultural no ámbito literario da nosa provincia.

Dito isto -e el sabe que é así-, con esa mesma sinceridade gustaríame facer unha reflexión -que non é nova, nin moito menos- arredor de tal nomeamento e da canella con funil na que dende hai algún tempo está metida a Academia Galega e da que non lle vai ser moi doado saír.

Cando souben do nomeamento de Monxardín quedoume un pequeno regusto no padal, que non me permitiu saborear os praceres da boa nova, porque aconteceume o mesmo que lles acontece a aqueles afeccionados cando o seu equipo ou o seu deportista individual queda en segunda posición na competición na que participa.

Digo isto porque, postos a analizar os moitos valores que Vázquez Monxardín leva atesourado ó longo da súa traxectoria profesional, entre os que cabe destacar con voz propia a posta en marcha do Arquivo Sonoro da Emigración, do Consello da Cultura, a pregunta que me xurdiu de contado foi se toda esa traxectoria non debería ter sido merecente da súa aceptación no plenario da Rúa Tabernas da Coruña como académico de número e non con este que cabería ser sinalado como un "recoñecemento de consolación".

Ou, dito doutro xeito, alguén podería afirmar rotundamente que o currículo da última muller elixida para formar parte da cámara académica da lingua está moi por riba na denominada "meritocracia" có que soportan as costas de Vázquez Monxardín?

Tocaba daquela colocar un bache que tapaba dous buracos ó mesmo tempo -o de muller e nacida na provincia de Ourense-, denantes de ir tapando pola caladiña agora outros pequenos buracos co fin de que a opinión publicada -á opinión pública isto interésalle máis ben pouco- vaia apagando a molesta vela que alumea e permite ver a ilóxica descompensación territorial que aínda se dá hoxe por hoxe na Real Academia?

Te puede interesar