Opinión

Tempo de solucións

Leo a información que publicou o domingo este xornal sobre a reformulación do servizo de taxi do Concello de Verea e a parte de felicitar publicamente -terei vagar de facelo en privado- ó alcalde por ter tomado tal decisión, devólveme á memoria unha chea de conversas que mantiven a semana pasada con distintos conferenciantes e uns cantos asistentes coma minÓ cumio sobre o Ourense rural, que organizou a Universidade de Vigo en colaboración coa Deputación provincial.

Tanto nos momentos destinados ó coloquio entre os relatores e o público, coma naqueloutros de intercambio de pareceres, de establecemento de contactos e de conversas arredor de si entre xentes coñecidas (todo elo nos intres de ocio), se algo nos quedou claro a todos cantos nos demos cita en Santo Estevo é que o tempo destinado á investigacións, á análise de datos, ó estudo da situación e á redacción de propostas xa hai tempo que está ultrapasado e que, se non queremos que o medio rural acabe -como escribiu o poeta- "morto de morte morrida", o que é aplicar definitivamente as solucións.

Solucións coma a de devolverlle ó taxi a súa condición real de servizo público (cousa que hai ben tempo que desapareceu destes vehículos por máis que manteñan o "SP" pintado nalgún recanto do capó). Iso si, sen que o concesionario do servizo e propietario ó mesmo tempo do vehículo teña que sufrir recortes nos seus recursos económicos. Velaí onde ou cando é que debe intervir a Administración, do mesmo xeito que intervén noutros medios de transporte coma o tren ou o metro en macro-urbanas aglomeracións.

Solucións que nalgún caso incluso terán que chegar a poñer en interdito, en determinados casos, principios tan sagrados coma o da propiedade, tal como dende tempo inmemorial se contemplan. Poñamos por caso os montes comunais, ou multipropiedades hoxe carentes de valor.

Así de clariño o explicou o profesor da Universidade de Vigo  e ourensán do Ribeiro, Luís Domínguez, cando achegou un dato tan desolador coma que un terzo das propiedades do medio rural en Ourense non teñen propietarios coñecidos.

Solucións coma a devolverlle protagonismo ás vilas, o acceso á tecnoloxía informática en igualdade de condicións, a creación de mercados de excelencia con productos locais ou o que el denominou a "socialización do custe de nacer no rural". Algo que nun principio semella difícil de dixerir, pero que cando se explica -cousa que farei outro día-, cae de caixón.

Te puede interesar