Opinión

Teremos que esperar outro milagre?

Os que saben algo máis da Virxe do Cristal ca que era unha peciña vítrea que saía en procesión tódolos días 15 de setembro dende o santuario levantado na súa honra, e Vilanova dos Infantes, para encontrarse alí co San Roque e o San Sebastián e logo volver acompañada deles e dos danzantes ó camarín do seu altar, son coñecedores de que a súa aparición historiográfica -non a lenda, na que Curros Enríquez se permitiu unhas cantas licencias literarias para facer máis fermosa aínda a composición poética- estivo relacionada cun suceso que daquela foi considerado polo pobo, pola institución eclesiástica e polas autoridades civís, un milagre.

É coñecido que o suceso aconteceu arredor de 1650, e que tivo lugar logo dunha insólita treboada, sendo encontrada primeiro por un labrador que non lle fixo moito caso e logo por unha pastoriña que ó ver a singularidade do achado, decidiu entregarlla ó cura, Xan de Barros.

Unha analítica posterior, realizada polos físicos da realeza de Felipe IV, concluíu en que coa tecnoloxía  existente no momento (aínda faltaba un século para que a Real Fábrica de Cristales de La Granja comezase a funcionar) non había explicación lóxica posible sobre como foi conseguida unha forma policromada humana de dúas dimensións no interior dun pequeno bloque de vidro que funde a preto de 900 graos.

Velaí como, a partir de aquel momento a súa caída no medio dun trebón foi considerado un milagre que deu pé, dende aquela, ó culto e á devoción.

Tres centos sesenta e cinco anos despois -é dicir, o 10 de marzo de 2015- pasou o que pasou e aquel cristaliño aparecido sen explicación aparente para salvarlle a honra a unha mociña nunha carballeira de Vilanova, desapareceu de forma máis inexplicable aínda. E, o que foi peor, uns malnacidos -para a Garda Civil o caso está pechado, pero para a xuíza, non- segáronlle a vida a don Adolfo, un "bo e xeneroso" -como o pasado sábado o cualificou o bispo- e un verdadeiro santo en vida para os que o tratabamos con frecuencia e sabiamos da bonhomía que ultrapasaba as súas obrigacións.

Anatemizados como estamos estes días por sucesos luctuosos tan mediáticos coma o do pobre meniño de Almería, nos que se contabilizan por centos os operativos e mesmo ata o ministro pon a funda de traballo para ofrecer explicacións, a min -sinceramente- fáiseme un nobelo na gorxa que non me permite comungar con rodas de muíño e que me levan a pensar en que alguén –que non creo que sexa o equipo investigador- non está facendo ben o seu traballo e permita se poida pechar un caso, simplemente porque os donos do Facebook nenguneen a unha xuíza de aldea, e nos teñamos que encomendar a outro milagre, por un lado para que apareza o admirado cristaliño, e polo outro, para que metan no “caldeiro” ós que mallaron sen piedade, ata matalo, a don Adolfo.

Te puede interesar