Opinión

Territorio comanche

Iso foi o que -cunha lóxica esmagadora- lle contestou o aínda ministro de Asuntos Exteriores, Josep Borrell, á entrevistadora, cando esta lle preguntou polos ánimos cos que se achegaba a Galicia, "territorio PP".

Se a palabra coherencia tivo algunha sinonimia con algún responsable institucional dentro dos dous gobernos que ocuparon a rematada lexislatura, na miña humilde opinión este foi o serodio catalán ó que un día -paradoxos da política- os propios militantes do seu partido non quixeron que fose presidente do goberno.

Unha coherencia que representa diafanamente un discurso que aínda gardo gravado no me teléfono, cando a casualidade quixo que me atopara en Barcelona o mesmo día que a sociedade civil catalá organizou a máis grande manifestación que os non independentistas celebraron polo de agora naquela comunidade.

Velaí pois, que, dunha persoa coherente é difícil que poida abrollar unha resposta incoherente, aínda que por veces tropecen nalgún pedra, xa que logo, ben sabido é que camiñan acotío entre croios e se algún está mollado é doado que de cando en vez esvaren.

Escribo isto porque é obvio que, por moito que haxa xente que así o pense -que a hai-, Galicia non é ningunha reserva "siux", nin ningún poboado "cherokee", senón un pobo con conciencia de seu (iso si, ó seu xeito e á súa maneira) ó que a historia e os sucesivos políticos que gobernaron dende Madrid ó longo dos dous últimos séculos -procedesen de onde procedesen- non trataron nada ben. O último, sen dubida, ese de nome impronunciable para min, ó que agora lle volveron dar vida dentro dun burato de Madrid coma se un fantasma con mando a distancia en modo de axitación para que volva remexer as nosas antropolóxicas diferencias.

Que Galicia non é territorio comanche demostroullo, horas despois de concederlle a entrevista á compañeira do xornal, o alumnado da Universidade ourensá, que lonxe de bater cacerolas no paraninfo e de ocultar a berros e a empurróns as palabras que el traía preparadas, bateron palmas polo seu discurso e aqueles que non cren no seu discurso -por máis que sexa un discurso profundo e coherente-, simplemente non foron. E así é como se alimenta -ou como debería ser alimentada- a democracia do século XXI. Non, como están alimentando en Cataluña e no País Vasco, onde, no canto de lle botar aceite á ensalada alíñana con gasolina.

Seremos os máis vellos, os máis pobres e incluso os máis infelices (que non creo), pero levamos décadas demostrando que é posible un modelo alternativo de convivencia sen que por iso teñamos que perder a conciencia de pobo que nos foi legada polos devanceiros. Por iso ten razón, unha vez máis, o catalán coherente.

Te puede interesar