Opinión

Todo o día nunha poza

Houbo un tempo -aínda quedan resquicios- no que a familia española media tan ligada á imaxe da nova España turística de Fraga Iribarne, collía o "600" e enlatados coma sardiñas en escabeche, arrancaban cara o Mediterráneo e igual que facían os segadores en Castela, pero sen tanto esforzo, apostábanse de sol a sol nunha praia de Benidorm, ata que se puñan outra vez como sardiñas, pero neste caso á grella.

Os ourensáns -os que podían- tamén saben diso, pero mudaban a estrada de Madrid pola de Vigo ou Pontevedra, para asentaren as posadeiras durante todo un mes -ou máis, segundo houbera posibles- en "Patos, Panjón, Bayona ou Sangenjo".

Así foi e nalgúns casos aínda é, o turismo das derradeiras décadas do pasado século e das primeiras deste. O obxectivo final era poder volver para a casa coma se nos mudase o adn e nos transformásemos nunha sorte de seres mutantes temporalmente en homes e mulleres do Magreb.

Evidentemente, non hai que ser un alto dirixente da Organización Mundial do Turismo para saber que esta tendencia virou e agora o turista habitual, ademais de trocear os seus días de ocio en tempadas diferentes, xa non foxe á procura do sol e o iodo que seica é bo para tantas cousas e tan perigoso para a pel se non se "toma" con control e alto factor de protección ultravioleta.

Non estou inventando nada, polo tanto, cando afirmo que agora o turista actual, máis ca tomar o sol -que tamén-, o que desexa é procurar experiencias que reparte ó cabo do ano en semanas estacionais ou mesmo en pontes alongadas.

Fago esta alongada introducción ó fío da celebración de Termatalia e do congreso internacional que uns días antes tivo lugar en Lobios, onde xentes de moitos países debateron sobre o futuro do turismo termal, non só en Europa, senón tamén en Hispanoamérica.

Un sector do turismo (este das augas quentes ou mineiro-medicinais) que todos estamos seguros de que aínda que non vai ser a panacea que nos salve da pobreza demográfica e económica na que colectivamente estamos mergullados, vai poder axudar a elevar as nosas ratios baixo cero que, por desgracia, soportamos en moitos aspectos na nosa provincia.

Ora ben, como sempre trato de alertar cada vez que alguén fala de turismo termal e non lle pon apelidos, concretamente os apelidos de turismo cultural e de natureza, igual que me ben á cabeza Alfredo Landa ou José Luís López Vázquez cos ollos coma pratos tumbados nunha toalla en calquera praia mediterránea ollando para as impoñentes suecas, tamén me ven á idea a imaxe dun turista medio calzado nun albornoz e coa toalla ó lombo coma un "paisa", metido todo o día nunha poza ata que a pel se lle poña coma unha rolla e exclamo para min: Pensarán que si, pero así non hai futuro!

Te puede interesar