Opinión

Tocar a guitarra

Creo que xa o contei aquí algunha vez, pero como teñen sido tantas as columnas que levo escritas, estou seguro -benquerido lector- de que saberá disimular se me repito.

De neno sempre devecín por unha bicicleta, pero un perigoso accidente que puido ser ben grave e que lle aconteceu a unha miña irmá maior, provocou que meu pai prohibise os vehículos de dúas rodas na miña casa durante moito tempo. No seu lugar, meu avó Enrique, aflixido pola envexa que en min provocaban os permanentes pedaladas dos meus amigos, un día decidiu mercarme unha guitarra.

Evidentemente non era o mesmo fachendear pola praza Maior co resto da "pandilla" ou andar ás carreiras pola "calle arriba embaixo" (que é un contrasentido que sen embargo entendemos ben en Celanova), ca sentarse nun balado calquera das traseiras e poñerse a rascar aquelas seis cordas metálicas que chegaron a criar callo nos nosos dedos, pero acabeime afacendo o exercicio estático de ensarillar os dedos da man esquerda nos trastes e arremedar punteos imposibles coa man dereita. E todo iso na compaña do meu amigo Toño, que ademais de guitarra tamén tiña unha fermosísima bicicleta de carreiras alaranxada, da que me eslumo aínda hoxe cando a mento.

Unhas tardes na súa casa e outras na miña, aprendemos pola vía rápida -é dicir, sen comezarmos polo solfexo- os acordes dalgunhas pezas das máis sinxelas de Dire Straits ou de Supertamp e, cómo non, o punteo a catro dedos do concerto de Aranjuez do mestre Rodrigo, de aí que aínda hoxe non sexamos quen de termos aprendido. Pero nós eramos felices daquel xeito e, non me crerá, pero non desespero de que poida chegar aínda o momento.

Volveron a min os recordos daquel bacío, logo de ver nunha foto do xornal de nantronte á xuíza de Lugo (tal e como a teño visto outras veces) saíndo do edificio xudicial coa súa guitarra ó lombo, porque como acabo de confesar, dende aqueles anos da adolescencia ata hoxe mesmo, por máis que me teño proposto retomar a aprendizaxe, as premuras do día a día non me teñen concedido licenza, igual que tampouco me ten permitido reiniciar tantas outras cousas.

Si, xa sei que para iso hai que saber renunciar a outras. E, aínda máis, ser quen de priorizalas.

Te puede interesar