Opinión

Un "todo a cen"

Creo que non é a primeira vez que explico que denantes de poñerme a escribir a columna de cada día, acostumo a darlle unha rápida visual ás redes sociais, pois sempre aparece algún fío que meter polo ollo da agulla para ensarillar algunha reflexión ligada á actualidade máis viva.

Hai días nos que nada acontece e acabo turrando de sarillos máis mundanos ou de carácter máis local, pero hoxe aconteceu que cando xa estaba a piques de accionar o motor de arranque con outro asunto, a contemplación dun arremedo de catálogo de IKEA espertou a miña adormecida atención e obrigoume a mudar o canal de concentración para centrarme no que esta proposta electoral -ou, mellor dito, esta nova proposta de televenda electoral- ideada por "Podemos" me suxire.

Digo de paso que non son eu moito de andar por eses grandes almacéns -nin polo de Porto, nin polo da Coruña-, e non por non ser do gusto das propostas comerciais que alí ofrecen, senón porque teñen sempre un aire acondicionado asasino que cae sobre os meus ombreiros coma unha nevarada en pleno estío, cada vez que vou a eles e sempre acabo collendo un arrefriado.

Non digo o mesmo do seu catálogo, que me parece unha proposta gráfica e de deseño interesante, aínda que tamén é certo que a miúdo me acaba saturando. De aí que, como estou seguro de que tamén lle terá acontecido a vostede, non me deixou indiferente, cousa que dende o punto de vista da efectividade comercial evidencia que na estratexia comunicativa -máis alá do contido textual do arremedo de catálogo- os de Podemos atinaron.

Outra cousa é -como adoita acontecer con esa política de flashes de impacto que os do Pablo Iglesias do século XXI inauguraron coa entrada do "depubebé" no hemiciclo do Congreso- se se rasca un pouco na superficie do deseño da mensaxe e un procura por debaixo da escuma da cervexa o verdadeiro sabor da malta. Entón é cando realmente comezan os conflictos.

E digo isto porque, facendo da carencia virtude, ó presentar o seu programa electoral nun catálogo copiado de tan coñecida marca comercial, o partido político da "España moderna" fai que un autentico plaxio se converta nun éxito publicitario, conseguindo que o menos importante sexa o que está escrito e fotografado dentro (por certo, ó longo das 200 páxinas non din visto a ningún albanel, nin obreiro do naval, nin moito menos ningún granxeiro do Deza) e o realmente impactante sexa o "escaparate", convertendo así a política nun comercio "todo a cen" ou nun bazar chino, no que o que compras funciona a primeira vez, pero cando intentas que funcione a segunda, xa tes que ir á ferretería de sempre.

Te puede interesar