Opinión

Tradicións que van e veñen

Como ben sabe vostede, a cousa comezou hai uns anos con tímidas achegas dos máis proamericanos, que empezaron a disfrazar ós seus fillos con traxes de esqueletos, caretas de zombi, cabezas de Franquestein, dentamias draculanianas ou roupas vellas fendidas en tiras coma se formasen parte do coro de danzas de Michael Jakson.

Logo, tamén con certa timidez -por iso de estaren incorporando unha tradición yankee-, tomaron o testemuño os colexios nos ciclos dos máis pequenos, coleccionando para a ocasión pequenas cabazas ás que lles puñan unha vela dentro, logo de telas baleirado, loxicamente, pero igual que acontece co día das letras galegas, semellaba que ese, o do ensino, ía ser o ámbito onde quedaría instalada tal celebración, por máis que ano tras ano, as televisións xeneralistas non deixasen de lles dedicar cada vez máis amplos espazos, cousa que tivo como consecuencia directa a paseniña incorporación da americana celebración ós locais de ocio nocturno e de aí á súa masiva popularización actual.

No caso concreto de Galicia, houbo un momento no que aqueles que se sentían un tanto incómodos coa denominación de "Halloween" e coa súa procedencia, de pronto descubriron que denantes da riandola dos mortos vivintes do cinema americano resulta que os celtas -é dicir, os nosos- xa celebraban ancestrais ritos relacionados co tránsito cara o máis alá e que incluso tiña nome propio -o Samaín-, o que nos facilitaba evitar o mal trago de ter que engulir dun xeito atravesado o concepto do outro lado do Atlántico.

Velaí como foi que os defensores das esencias antropolóxicas se incorporaron -con lectura propia- tamén a esta celebración, non sen denantes corroboralo coa propia tradición oral máis próxima e cos relatos dos nosos avós, así como coas lembranzas dos máis vellos do lugar, que lles procuraban ós nenos os cabazos nos días previos ó da visita ós cemiterios, e como os relatos da Santa Compaña se fixeron máis visibles para todos por medio do bosque animado de Fernández Florez transformado na frondosa fraga de Cecebre na fermosa película de Rafael Azcona coa alma en pena de Fiz de Cotovelo e o ladrón da Fraga de Cecebre, o Fendetestas, como principais protagonistas.

Velaí, pois, de que xeito unha tradición vai e ven no tempo e no espazo, igual cás ondas do mar tocan ó unísono unha costa e a outra.

Así son as relacións humanas. Así o teñen sido e así o serán no futuro. Por iso que, de pouco vale querer instalar muros e valados, xa sexa por Novo México, por Ceuta e por Melilla ou por Colorado -Trump, dixit-, que sempre haberá quen atope un buratiño polo pasar ó outro lado.

Te puede interesar