Opinión

Trinta accións

Se as palabras non dixesen cousas, non definisen conceptos ou non expresasen intencións ou sentimentos, realmente non habería necesidade de que existisen as palabras.

É certo que o que acaba de ler pode ser interpretado coma unha obviedade ou unha perogrullada. Pero, se se para a pensar un pouco no seu sentido, decatarase de que non o é.

Escribo o que acabo de escribir, como limiar desta columna, porque, tal e como inserín no titular, ó mentar "trinta accións" e non "trinta medidas" (como as presentou nantronte o presidente da Xunta na súa comparecencia parlamentaria), o que eu quero subliñar é a imperiosa necesidade que temos de actuación co fin de que non pase un inverno máis sen que o pobo galego e a súa administración nos poñamos a apagar os lumes denantes de que planten. É dicir, sen que comecemos de vez a promover o remedio denantes de que o cancro natural, social, económico e mesmo humano que leva décadas desenvolvéndose na nosa terra evolucione definitivamente en metástase e acabe soterrándonos a tódolos galegos na historia.

Descoñezo quen foi o mentor do concepto das "trinta medidas", aínda que do que estou ben seguro é de que é unha autoridade técnica no ámbito do medio rural que me merece todo o respecto. Sen embargo, centrado, probablemente, na súa redacción e concentrado no seu reconto para que non quedase ningunha minimamente importante sen incluír, dáme a min que lle faltou asesorarse con algún lingüista para chamarlle ás cousas polo nome que deben ter e non cun sinónimo máis ou menos aproximado e ambiguo no tocante á súa definición.

E é que unha cousa son "medidas a tomar", que ten un certo carácter de manual de boas intencións e outra ben diferente son "accións a executar", claramente incisivas e de execución inmediata con compromiso adquirido de levalas a cabo xa.

Insisto nisto porque os galegos vivimos no paraíso do "había que...!" (eu son o primeiro militante de tal batallón) e, polo tanto, corremos o risco de, unha vez lidas e asumidas conceptualmente as trinta medidas anunciadas polo presidente da Xunta para poñerlle couto dunha sana vez ós incendios forestais, tanto Administración como administrados entendamos ó lelas que "había que facer isto e aquilo", pero cando cadre ou teñamos vagar.

E non é así, senón que todos estamos obrigados a mudar o concepto no noso interior e a poñérmonos a traballar de contado e -como se di agora- implementar, unha por unha, esas trinta accións, coas que concordo plenamente e coas que seguramente comezaremos a ver como os incendios forestais minguan verán tras verán. Pero para iso resulta vital que nos poñamos a actuar. Ou sexa, que nos esquezamos definitivamente do "había que..!

Te puede interesar