Opinión

Un becerro e un tractor

Cos ollos abertos coma pratos, vinos onte en dúas fotos, non sei -e dáme o mesmo- en que portada nin de que medio de comunicación. Pero, postos a dicir a verdade e a chamarlle ás cousas polo seu nome propio, debo dicir que en ámbolos dous casos sentín algo moi próximo ó noxo, por non dicir directamente noxo.

O primeiro deles, non sei se cronoloxicamente ou en posición de preferencia informativa -para os efectos é exactamente o mesmo-, estaba agachado sobre unha manta de palla acariñándolle a cabeza a un becerriño pinto de non máis de dúas semanas de vida, aparentemente tranquilo e alleo ós flashes dos reporteiros fotográficos e de televisión, xunto con outro un pouco máis crecidiño, pero non moito, e xa case fóra de plano.

Vestido para a ocasión (o certo é que daría para unha boa serie informativa o coñecemento do fondo de armario dos líderes políticos e sobre todo como elixen as vestimentas para cada "actuación"), cunha cazadora verde de campo, uns pantalóns vaqueiros e uns botíns tamén verdes, non fora ser que a estética cromática estragase o momento bucólico-pastoril e o efecto informativo-temático que había que conseguir, a min a foto só me fixo pensar no "traballiño" que levaron os propietarios da granxa para estrar ben o chan e que non quedara nin un anaco de estrume, non fora ser que logo de tanta simetría verde-azul-verde, o marrón escuro dunha bosta inoportuna lle estragase aínda máis a mensaxe electo-rural que a imaxe perseguía.

Déuseme por matinar tamén nas horas "fodidas" -discúlpeme a crueza- de cando a cría "ven atravesada" para morrer se cadra no camiño denantes de ver a luz, para tristura do gandeiro que non saberá se o seguro se lle fará cargo da perda ou terá que apandar con ela, el.

Todo elo, e moito máis, para ser obxecto banal dunha fotografía prostituída por parte de alguén probablemente nunca tivera entrado denantes nunha corte e probablemente non volverá cheirar xamais o arrecendo que si ten que cheirar cada mañá o gandeiro para poder levarlle o alimento ó animal.

O segundo, non sei se avisado polo gabinete de comunicación de "motu proprio", debeu dicir, pois se este se mete na granxa e non vou ser menos e, nin curto nin preguiceiro e sen o máis mínimo rubor preguntouse, "como podo escenificar que eu tamén son un home ruralizado?" Pois nada, "subo a un tractor e que sexa o que deus queira!".

E así foi! Os dous durmiron felices porque toda España comprobou que se hai alguén que vai poñer o campo en producción van ser eles, que agora xa saben a que cheira o cortello dun becerro e como se sente o golpe de riñón do arranque dun tractor. En fin... Un noxo que dá pavor!

Te puede interesar