Opinión

Unamuno e Curros

Seguindo a autorizada recomendación de Ana Chaguaceda, a directora da Casa Museo de Unamuno de Salamanca, un día calquera da pasada semana achegueime ás salas de cine da Pontevella para ir ver a película da que todo o mundo fala nestes días de vésperas do traslado da memoria -porque será o único que queda- do afrautado dictador do val de Cuelgamuros, ese que se ve tan ben entre as rochas cando un encara a autoestrada da Coruña na saída de Madrid.

Non son crítico de cine, e como non o son, non perderei o tempo en debullar, fotograma a fotograma, o doo entre a forza e a razón, tan persoalmente contada por un Amenábar que, como moi ben me indicou a miña amiga Ana Chaguaceda, se algo consigue na película, ademais loxicamente de facer aflorar os sentimentos desde dentro e cara afora da pantalla, é a humanización de Miguel de Unamuno. Unha humanización tan verosímil como necesaria pois a miúdo cando estampamos ós seres humanos na historia, perden tódolos matices e semella que ó longo da súa vida non tiveron altos nin baixos, amores nin desamores, alegrías e sufrimentos, medos e dúbidas coma os que transcenden arredor do interior do vello e polémico reitor. Noraboa, pois, a Alejandro Amenábar por ter conseguido narrar tan ben un episodio histórico que todo o mundo debería ver para írmonos limpando de vez esa costra que nos pexa e nos fai sentirnos sucios cando non estamos nin máis nin menos lixados ca calquera outro país europeo, sexa do norte ou do sur.

Coincidiu este visionado coa relectura ocasional dunha carta que conserva a Real Academia Galega no seu arquivo e que no ano 1913 lle remitiu o propio Unamuno ó presidente daquela institución, Manuel Casás, na que lle fai saber a súa admiración polos versos de Manuel Curros Enríquez. "Acaso la primera idea un poco clara que de Galicia adquirí -escribe nesa carta Unamuno-, antes de conocerla directamente, fue a través de sus poetas, sobre todo de Curros Enríquez".

Unha declaración de principios que, logo de relatar os titulares de varios ("aún se agarran a mi memoria estrofas de la introducción de A Virxe do Cristal, casi todo O Gueiteiro, el Ai!, la Cantiga, el Nouturnio, As Cartas y algo más de "Aires da miña Terra"), continúa con un "cómo voy yo a juzgar a Curros Enríquez si prendieron sus cantos en mi alma cuando esta empezaba a florecer su primavera, antes de que hubiese yo hecho un sólo verso...!"

Descoñezo cal foi a orixe da devandita carta e da pretendida escusa do vasco, pero agradezo a súa chegada casual -de novo- ás miñas mans, pois a súa lectura axúdame a admirar un pouco máis ó Unamuno humano, tan maxistralmente recreado –digo de paso- por Karra Errejalde, outro vasco que non só merece un Goya, senón tódolos que na próxima gala poidan colocar no stand.

Te puede interesar