Opinión

Unha boa persoa

Se algún día se lle dese a algún estudante de historia contemporánea ou de ciencias políticas, por realizar unha tese de doutoramento máis seria cás que lles serve á clase política para engordaren os seus currículos ficticios e entraren con elas pola porta de atrás nos ceos da meritocracia, sobre a política municipal dende os tempos do victorinista Plan Bulleiro ata os nosos días e decidise centrar a mesma nunha análise, política e persoal dos alcaldes e alcaldesas que poboaron tan diversa "fauna", estou seguro de que os anos da alcaldía de Santiago Cerqueira Barroso (Paco, para todos cantos o tratamos ó longo da súa vida) á fronte do Concello de Entrimo, tería que lle dedicar, cando menos, un capítulo completo.

Non nego que a "fauna" -volvo escribilo entre comiñas porque non pretendo ser ofensivo, nin moito menos- é ampla e diversa e estou ben seguro de que o máis substancioso de toda a tese estaría mergullado no saco sen fin das anécdotas. Anécdotas que tamén darían para un documental no caso do noso "Paco". A primeira delas, certamente singular, xa é o feito de que o seu nome popular -é dicir, Paco- non tivese nada que ver co seu nome de pila -Santiago-, polo que non o coñecía practicamente ninguén se non fose que, como alcalde, non podía asinar como Paco.

Entérome da mala nova da súa marcha (os ciclos da vida son inexorables) e non podo acudir a despedilo por mor da miña estadía fóra de Celanova. De aí que me valga desta vella columna -na que non é a primeira vez que aparece- para darlle a miña propia despedida, aínda que sexa sen incenso nin "padrenuestros", que el tampouco era moito diso.

A última vez que falei con el foi ó día seguinte dunha das últimas homenaxes que se lle fixeron a Don Adolfo, o crego asasinado de Vilanova dos Infantes.  Penso que a raíz da conmemoración do terceiro asasinato do seu pasamento.

"Ola Piñeiriño -así era como me chamaba por veces-, seguro que por teléfono non me coñeces..." E, aínda que levabamos tempo sen falarmos, nin por teléfono nin en persoa, claro que o recoñecín porque a sùa personalidade era tan singular que non había dúbida.

Sorprendeume aquela chamada, porque, que eu soubera, non tiña relación persoal con don Adolfo, nin, como digo, era compulsivo practicamente. Sen embargo, amosóuseme moi afectado polo suceso e animoume a que dende tódolos espazos posibles fixésemos todo o que estivese nas nosas mans para por a bo recaudo ós criminais e, con iso, puidera aparecer a virxe.

Deixo o seu rico anecdotario para o posible doutorando, porque a min, hoxe, só me pide o corpo dedicarlle estas verbas de despedida a un home humilde que, sobre tódalas cousas foi unha boa persoa.

Te puede interesar