Opinión

Unha comisión bilateral

Leo que o "noso" Alberto anda un pouco cabreado co novo inquilino da Moncloa porque entre conversa e conversa, os novos responsables de faceren as contas "de provincias" en Madrid, coma quen non quere a cousa, seica se lle quedaron cuns 200 millóns de euros.

Un simple menudeo se o comparamos co que a partir do próximo día 20 vai facer o réxime de Maduro cos venezolanos, que por cada 100 mil bolívares que poidan teren no peto cando se deiten, no intre no que se levanten -e eles son madrugadores- acabarán tendo 1 bolívar "soberano".

Imaxine só por un intre -sei que é practicamente imposible de imaxinar- que hoxe pola noite, cando se deite, máis que a durmir, a suar, teña a fortuna de ter na conta corrente 100 mil euros contantes e soantes e mañá, cando se levante para ir a traballar, recibe un "sms" do seu banco informándoo de que os seus aforros nesa entidade redúcense a 1 euro. Co apelido que lle pete, pero 1 euro, á fin e ó cabo. Xa o estou vendo, botándose a andar camiño da Moncloa para desaloxar pola solapa ó seu inquilino, sexa Sánchez, fose Rajoy ou unha irmanciña da caridade.

Pero volvamos ó chalaneo das contas entre o Estado e a nosa Comunidade Autónoma, porque o de Venezuela é de tal grao de descomposición que fede só de pensar.

Postos a imaxinar, imaxine que por un casual, cando lle devolvan á Xunta esa cantidade aparentemente insignificante (só así se entende que o secretario xeral do PPdG utilice o termo "sisar") dos 200 millóns de euros, nun acto de xenerosidade e magnanimidade sen par ó "noso" Alberto se lle dá por repartilo a partes iguais entre os 315 concellos galegos. Pode facerse unha idea do andazo de romaría que tal decisión provocaría dende Viveiro a Oimbra e dende o Caurel ata a Pobra do Caramiñal entre alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras, interventores e interventoras e todo o plantel, masculino e feminino -aquí ninguén quedaría á marxe-, da administración local?

Pois ben, dado que non é factible un acordo e que Galicia conta con algunhas singularidades máis, coma os prazos do AVE, o avellentamento da poboación, os incendios forestais e, postos a encher ben de contido a axenda, o Pazo de Meiras, o Xacobeo do 21, algún que outro astaleiro, o porto exterior da Coruña, o regreso dos emigrantes venezolanos e unhas cantas cousas máis, eu, de min ó "noso" Alberto -el sabe que o escribo con afecto-, collería o teléfono directo da Moncloa e seguindo o principio fundamental do zapateirismo (“aceptaremos todo lo que venga de Cataluña”), esixiríalle a Pedro Sánchez unha comisión  bilateral.

Ou é que o cataláns son de mellor raza para gozar dun privilexio exclusivo, tal?

Hai uns días enviáronme nun whatsapp dúas fotos pubertarias de dous dos seus máximos expoñentes e podo asegurarlles que se a raza aria catalá é iso, os galegos somos máis puros, xa non digo cás vacas barrosas, se non cós pastores alemáns.

Te puede interesar