Opinión

Unha fábrica de fortaleza

Aínda que colateralmente vouno tocar, perda coidado que non o vou abafar co Camiño de Santiago porque son consciente de que nas últimas semanas centrei varias veces a columna nel e tampouco é a miña intención encher este espazo con productos monotema, por máis que continúe subido ó macho e siga pensado que dende un punto de vista de desenvolvemento local e mesmo económico, a incorporación da vella vía que comunica Braga con Ourense á rede de Camiños constitúe un asunto de futuro para as Terras de Celanova e da Baixa Limia.

Vou falar, si, do Camiño de Santiago, pero dende outra perspectiva que ten que ver coa capacidade de superación, co esforzo, co tesón, coa resistencia e coa ilusión e a alegría de vivir, valores todos eles que -tamén é certo- forman parte dos retos que propón o inicio dunha andaina tan esixente física e moralmente, e que onte volvín comprobar que seguen formando parte do tesouro humano dun mozo de Cartelle ó que unha tarde de inverno de hai xa máis dunha década se lle cruzou a morte por diante da moto e non só foi quen de esquivala -non sen ter que superar unha dolorosa travesía de recuperación- senón que incluso foi quen de apoiarse nela para saír exponencialmente fortalecido malia as carencias físicas que a sombra da gadaña lle provocou.

Eu non sei se vostede é dos que trasnoitan ou se deita co horario das galiñas. Se é dos primeiros é posible que teña visto un programa de televisión que baixo o título de "Buen Camino", amosa experiencias vitais escollidas de xente que por unha razón ou por outra decidiu un día lanzarse á aventura interior e exterior de camiñar durante centos de quilómetros para chegar a Compostela e recoñecerse, reconciliarse ou simplemente reconfortarse con un mesmo.

Pois ben, no programa de onte, un dos protagonistas foi o ourensán Daniel Fernández, quen xa pasou algunha vez por esta xeira e por outros medios de comunicación, cando, na compaña de Bruno Nieto, protagonizou o documental "Mil sorrisos e un perdón", no que se relata o desgraciado periplo vital que lle custou un accidente de moto -non provocado por el, debemos dicir de paso- e que o deixou con multitude de lesións internas, centímetros e centímetros de cicatrices repartidas polo corpo e sen unha perna. Pero, sobre todo iso, cunhas inmensas gañas de vivir, que o teñen convertido nun encomiable exemplo de vida que deberían coñecer todos cantos hoxe se atopan -máis ou menos coa súa idade- na encrucillada de encarar un proxecto de vida profesional e humana e teñen medo ó fracaso.

Pódeo ver no devandito programa e comprobará que non minto cando escribo e que tampouco esaxero cando digo que se eu fose Conselleiro de Educación procuraría unha partida orzamentaria para que cada curso Daniel puidese repartir polas escolas de Galicia amplas doses de positivismo, gañas de vivir e tesón que elabora coma ninguén na fábrica de fortaleza que leva dentro, e que coma ninguén sabe distribuír envoltas en celofán de fino humor.

Te puede interesar