Opinión

Unha noite na eira do trigo...

Contan algúns dos biógrafos de Curros Enríquez unha anécdota singular que os máis arriscados poñen en boca del e que ten que ver coa apropiación da voz popular dun dos seus poemas máis coñecidos.

Estaba ocioso, o Curros estudante, nunha fonda de Madrid pasando o tempo cun seu amigo, tamén ourensán -segundo el mesmo indica-, cando o seu amigo comezou a tanxer unha serie de acordes na guitarra que lle resultaron especialmente harmoniosos ó incipiente poeta.

Tal foi así, que o celanovés díxolle o seu colega que continuara coa interpretación mentres el se puxo a escribir de forma apurada, na marxe dun libro de dereito do profesor compostelán, Manuel Colmeiro, uns versos que lle ían saíndo de dentro: "No xardín unha noite sentada..."

Así foi como Curros compuxo o seu primeiro poema en galego, que logo transcribiría nos seus cadernos poéticos e que acabaría formando parte do seu poemario fundamental, "Aires da miña terra".

Con máis de media vida vivida (Madrid, Ourense, Madrid e a Habana), dis que cando volveu a Galicia seica escoitou, non sei se na rúa ou nunha taberna, unha canción cuxa letra lle comezou a soar moi familiar e coñecida. Tan familiar e coñecida que, mudando só a primeira estrofa, dicía: "Unha noite na eira do trigo/ ó refrexo do branco luar/ unha nena choraba sen trégolas/ os desdés dun ingrato galán..."

Sorprendido e intrigado, preguntou se alguén sabía quen era o autor daquelas estrofas, ó que os intérpretes lle contestaron que seica era unha copla popular á que non se lle coñecía o seu autor.

Curros, impotente, non puido máis ca deixar voar a composición que aínda hoxe moita xente canta sen saber que o seu autor foi o poeta de Celanova.

Velaí un exemplo de como a voz popular xa fagocitaba, alá en tempos remotos, a obra dos creadores sen o máis mínimo remordemento nin a máis mínimo sensación de culpa por "matar" ó seu autor.

E se xa se facía daquela con total impunidade, que pode pasar hoxe cando todo -ou case todo- está na rede a un "click" da nosa propiedade. Bueno, mellor dito, a dous: "copiar" e "pegar".

"Se está aí, á man -como está o cangallo ó pé do valado do bacelo- quen me vai dicir algo se o collo para min e fago del o uso que me pete. Non si?"

E así, baixo este principio -non menos popular- de "o que é teu, é meu...", é como se move hoxe en día o proceso formativo e profesional no mundo mundial que nos rodea. E como o vello delicto de "apropiación indebida" se ten visto tan banalizado que se converteu en cousa común ata na nosa elite social: A Universidade.

Descoñezo a porcentaxe de plaxio real que ten a tese presidencial. O tempo dictará sentencia. Ora ben, non sei por que me dá que houbo un Pedro Sánchez ata nantronte e haberá outro ben diferente a partir desta fin de semana, cando a masa forense destripe sen piedade as 342 páxinas do seu cadáver docente.

Te puede interesar