Opinión

Unha parella de baile

Cando souben da viaxe a Buenos Aires, alén daquelas sensacións incontrolables que un non é quen de dar previsto ata que non se enfronta directamente con elas -fundamentalmente aquelas que teñen que ver co contacto humano- fixen tres propósitos relativamente sinxelos de conseguir.

O primeiro, o de comprobar, tan pronto chegase ó hotel, como era certo aquel vello exemplo que sempre nos puñan nas clases de física para explicar a denominada "aceleración de Coriolis" que fai que máis abaixo do ecuador, a auga se  esvaia polo sumideiro xirando ó contrario do xiro das agulla do reloxo e non como todos nós estamos afeito a experimentar nas nosas casas, cada vez que pechamos a billa do fregadeiro.

O segundo, un pouco máis complicado ó estar radicado no corazón dunha megaurbe como é a capital bonaerense, foi o de tratar de ver a Cruz do Sur no firmamento austral, cousa que, cando escribo, aínda non din conseguido.

E o terceiro, relativamente doado a nada que a densa programación de actos nos permita un vagarciño, é o de asistir a unha sesión de tango e comprobar no, lugar primixenio do seu nacemento, a harmonía do movemento dun dos bailes máis sensoriais da danza universal.

Tampouco fun quen de me achegar aínda a ningún deles porque as xornadas son intensas e deixan pouco espazo para o ocio.

Sen embargo, onte pola tarde, unha ver rematados os actos da entrega do premio Ourensanía, cando as espectaculares instalacións do Centro Galicia comezaron a funcionar coa dinámica propia dun domingo de primavera alta austral, o día regaloume algo inesperado.

Nun dos diferentes e amplos salóns cos que conta o complexo de ocio, sentín os acordes dunha orquestina que interpretaba música da nosa terra. Achegueime ó lugar e sobre un palco sinxelo estaba unha gaiteira que me fixo lembrar a Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira galega que un día abandonou a súa aldea das Maravillas para liderar un grupo cos seus irmáns e facerse famosa, precisamente en Buenos Aires. Acompañaban á gaiteira catro músicos novos con instrumentos de vento, guitarra eléctrica e percusión, conseguindo así un "essemble" que aproveitaban tres ou catro parellas para bailar co mesmo ritmo que utilizan milleiros e milleiros de parellas galegas nas verbenas estivais.

Nun intre, tan só quedou unha. Debían andar polos 70 anos e cando me decatei, o menos que lle importaba a ámbolos dous era a música. Os brazos camiñaron polos dous corpos para se enlazar e tiven a sensación -ou iso quixen ver eu- de que acababan de se transportar no tempo e no espazo para un lugar que só eles sabían. Aquilo non era tango, pero regaloume tal autenticidade que se volvo sen ver o tango dareime por satisfeito porque naquel entrelazado tan solitario coma certo vin a representación gráfica dos amores na distancia entre tantas e tantos galegas e galegos.

Te puede interesar