Opinión

Unha pregunta inocente

Teño seguido con certa atención todo canto leva acontecido nas últimas semanas -por non dicir nos últimos meses- arredor do agónico Festival de Cine de Ourense e, logo de analizalo dende a distancia e incluso de ter falado con algunha xente que sabe diso, téñenseme achegado á idea algunhas preguntas -unha especialmente inocente- que vou lanzar ó aire por se axuda a focalizar o estado da cuestión.

A estas alturas tennos quedado claro que a entrada en vigor dunha lei -a Lei de Contratos do Estado- é a depositaria de tódolos males que atenazan á corporación local ourensá e que ameazan seriamente a continuidade futura do devandito festival.

Vaia por diante que, por máis que teñan sido ducias e ducias as sinaturas que ergueron a súa voz cando o ata o de agora director do festival publicou a súa carta de despedida, non vin eu con preocupación o feito de que abandonase a tripulación. E iso, vaia tamén por diante, que non poño en dúbida nin a súa valía como xestor, nin os seus profundos coñecementos cinematográficos. O que acontece é que eu sempre fun da opinión -e aquí o deixei escrito no seu momento- de que entre Ourense e Buenos Aires -que mira que median millas!- tiña que haber máis á man xente de valía cinéfila que puidera exercer o papel de dirección dun festival que por orzamentos navega -digamos- na "segunda" división.

Vaia, así mesmo, por diante, co fin de non ser mal entendido, que tampouco lle din boa lectura ó feito de que o Concello lle dixese iso tan galego de "ti vai facendo", sen o máis mínimo contrato laboral ou de servizos de amparo e, logo, cando xa o director tiña medio camiño andado, batéronlle co BOE na cabeza  como se lle dá co “palau” á billarda, mandándoo para Buenos Aires -ou para Avilés- ós choutos, cunha man por tras e outra por diante, sen a máis mínima explicación.

Pero volvamos ó boletín e pactemos, benquerido lector, que é certo iso de que a nova Lei de contratos do Estado está escrita de tal maneira que semella que foi redactada polo lexislador pensando en que lle había que aforrar uns cantos miles de euros ó Concello de Ourense e a aqueloutras institucións que colaboran con el na semana das proxeccións.

Ben... Pactado iso -que xa lle hai que botar imaxinación!-, a pregunta -inocente- que me alumea por riba da cachola é a seguinte: E ós outros festivais que se reparten polas outras comunidades autónomas, que foi o que lle pasou? Tamén pasarán a mellor vida pola imposibilidade de levar a cabo as súas contratacións ou teñen atopado solucións alternativas? E, de ser así, -pregunto- por que directamente non se copia algunha desas solucións, que estou seguro de que non cobran dereitos de autor?

Te puede interesar