Opinión

Unha sociedade idiotizada

Sinceramente cada día constato con máis evidencia e teño máis por certo que nos tempos da información total na que vivimos, de google e da democratización do coñecemento, das TICs e do I+D+i, da robótica e dos database, así como  da internet das cousas, no denominado mundo occidental e dun xeito moi especial en Europa, vivimos mergullados dentro do magma tóxico dunha sociedade cada vez máis idiotizada.

Perdóeme, benquerido lector, se é que se dá por aludido. Eu mesmo tería que facer un acto de contricción, xa que logo, tamén eu me meto no saco.
Loxicamente, despois de facer impunemente unha macro acusación de tal calibre debería explicarme e así o vou facer para descargo propio e tranquilidade súa.
Entre todo canto nos está pasando -e mira que nos están pasando cousas que xamais cruzaron polos nosos miolos nin no máis inquedante pesadelo!- hai un suceso incuestionable e que polo tanto ninguén discute, que non é outro ca que este problema case apocalíptico xurdiu na China.

A China, un xigante totalmente descoñecido, por máis que teña milleiros de anos de existencia, pero que sempre estivo aí, exótico e enigmático, para ser gozado polos nosos conquistadores europeos. Primeiro pola ruta da seda e logo polos grandes mares. A China, un inmenso país para o que, cando eu era neno, pediamos os domingos na misa con huchas con forma de cara de Fumanchú sen sabermos sequera sinalala no mapa e dos que nos burlabamos a cotío, dando por sentado que os idiotas eran eles.
Sen embargo, pouco a pouco foi pasando o tempo e case sen decatarnos -como ben dixo o presidente de Portugal-, obnubilados na nosa grandilocuencia -nós, os europeos, estamos para outras cousas-  fomos cedéndolle espazos de producción en tódolos aspectos e delegando no seu réxime singularmente liberaloide-comunista o fornecemento de non se sabe cantos productos que acabaron xerando en nós o que con moi bo criterio Antonio Costa cualificou de "chinodependencia".

Imos ver: Resulta que China foi a que acendeu o misto. Contounos a verdade que quixo durante o tempo que quixo agardando a que o seu problema se socializase polo mundo, mentres nos asombraba a todos construíndo hospitais nunha fin de semana. Logo comezou a fabricar mascariñas "coma chinos" e os listos occidentais empezamos a pelexarnos por elas pagándollas a prezo de ouro, sen comprobarmos sequera se eran boas ou unha china trapallada. E agora -sen facer a máis mínima reflexión sobre o que diferencia un réxime comunista dunha democracia e sen a máis mínima petición de contas- seica imos comezar a reproducir o modelo de “desescalado” que eles están poñendo en práctica (hoxe oín na radio que restauradores españois xa andan analizando como se están transformando os restaurantes chineses). Definitivamente, ou eu estou toleando ou esta sociedade da que formo parte está completamente idiotizada.

Te puede interesar