Opinión

Unha voz que lles diga adiós

Nalgún sitio lle lin estes días a alguén escribir que lle repateaba escoitar cando ás persoas maiores lles chamaban "avós o u avoas" sen seren familiares de segunda xeracion.

A min tampouco me gusta nada escoitar tal apelativo porque seméllame unha fórmula artificiosa cargada cunha familiaridade impostada e cun pretendido cariño que non ten por que se dar na relación.
No seu efecto contrario, tampouco son receptivo a que os traten de "tu" coma se fosen da mesma idade e condición de quen así os trata.

Pero se algo me descompón as entrañas é cando vexo algunha fotografía ou algunha imaxe na televisión na que os disfrazan para lles celebrar o aniversario e lles poñen unha coroa ou uns lentes deses que fan a forma dos óculos cos anos do celebrante. Pode crerme, benquerido lector, que –sabedor de que xeneralizar é sinónimo de transitar pola rúa da equivocación- non podo con esas estampas.

E non podo porque creo que as persoas maiores deben ser tratadas tal e como son. Persoas cunha vida vivida e probablemente moitas cicatrices no corazón, que nin se volven criaturas a piques de daren os primeiros pasos, nin, por moitos callos que teñan nas mans, engurras no rostro e silencios no interior, se volven parvas nin se transforman en monecos para a diversión.

É dicir, que nin por exceso, nin por defecto deberan seren tratados tal como aquí apunto, tanto dentro coma fóra de calquera centro de atención. Senón, con dignidade e calor. Coa dignidade propia á que se fixeron acredores por seren os que sostiveron e na medida das súas posibilidades melloraron, o edificio -é dicir, a sociedade na que fomos educados- denantes de poñelo -de poñela- á nosa disposición. E co afecto e a calor que por lóxica acaba provocando o roce -o trato humano- entre dous.

Escribo isto porque nantronte un amigo alertoume de que a miña columna sobre las "aldeas de vellos" estaba ben artellada, pero sobráballe racionalidade e faltáballe precisamente esa calor que se acende de súpeto cando lle colocamos rostros que forman parte de nós.

E ten razón o meu amigo, porque esa xeración que creceu controlada polas cartillas de racionamento, que resistiu os anos do silencio tratando de sobrevivir baixo a bota do dictador e que axustaron a cincha cando emerxeu a democracia para que nós e os que viñeron detrás de nós tivésemos unha vida mellor, son os que agora se están indo, ocultos no mesmo anonimato no que viviron, sen teren nos balcóns a ninguén que lles aplauda. E, o que é peor, sen poderen sentir a calor dunha man que os acariñe na despedida, nin dunha mísera voz que lles dea as gracias denantes de lles dicir “adiós”.

Te puede interesar