Opinión

Unha vaca e media, A Valenzá e o angazo

Baixo o título de "O rural ourensán: Un mundo de calidade retos e oportunidades", esta mañá (a de onte para vostede) tivo lugar na miña vila unha xornada de reflexión e análise arredor do medio rural da nosa provincia co fin de concienciar a uns e provocar debate con outros, para afastar a estes lugares onde nos ten tocado nacer e vivir do paso previo á morte por inanición á que o interior galego está abocado se administración e particulares non tomamos decisións globais e non promovemos urxentemente proxectos de calado, sen agardarmos a que outros nolos veñan ofrecer dende fóra.

Malia que a organización do evento correu a cargo da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, situada no Ribeiro, e polo tanto o viño estivo omnipresente todo o tempo, tamén foron abordadas outras perspectivas económicas a través de profesionais doutros sectores e mesmo da administración que nos axudaron a tomarmos conciencia, unha vez máis, de que, como di o vello dito, aquí ou nos salvamos todos ou non se salva nin deus!

Un dos participantes foi o director do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, veciño meu da Terra de Celanova, Cástor Rivero, que nos forneceu dunhas cifras arredor do gando vacún que seguramente ten presentado en moitos lugares pero que eran para min completamente descoñecidas, por máis que leven a un a ollar en panorámica a partir de cando -como, en versión libre escribía o poeta- "se nos fodeu este gran reino".

Informounos Cástor Rivero que a cabana gandeira das razas autóctonas da nosa provincia contaba no ano 1991 con 9 vacas cachenas na Baixa Limia, 17 vacas limiás na bisbarra de Antela, 72 vacas frieiresas nas terras dos tres reinos, 180 vianesas nas terras do Bolo e 78 caldelás entre Montederramo e a Ribeira Sacra, é dicir, na terra de Caldelas. E, non só iso, senón que estas 356 cabezas estaban repartidas en 242 explotacións agrícolas.

É dicir, que cada explotación gandeira de razas autóctonas contaba -velaí- con menos de unha vaca e media, que non é doado de imaxinar pensando en vacas vivas, pero que estatisticamente é certamente clarificadora.

Uns datos que no ano 1994 aínda eran máis desoladores, xa que tan só quedaban 244 vacas autóctonas repartidas en 191 explotacións cuxos propietarios tiñan unha media de idade de 62,5 anos e case 11 anos cada vaca.

Seguro que podería fornecernos de moitos máis datos, pero a min abóndame con estes para marcar neses anos o punto de arranque do principio do fin da nosa vida rural. Máis ou menos cando o futuro ideal da nosa xente pasaba, poño por caso, por mercar un piso na Valenzá e fuxir para sempre do angazo.

Te puede interesar