Opinión

Vasme botar ti..?

Para que as cousas sexan ben entendidas non hai como procurar un exemplo que sexa gráfico, sinxelo de relatar e, a poder ser, que forma parte da nosa vida cotián e así poidamos visualizalo.

Seguindo este criterio comunmente aceptado en campos tan complexos como poden ser os da física ou das matemáticas, que no fondo veñen a seren os mesmos, vou tratar de recorrer á vida cotián para exemplificar un episodio que forma parte da alta política, é dicir, da política de asuntos exteriores ou diplomacia, que tamén se lle chama así, e que todos cantos temos algunha relación de familiaridade con Venezuela estamos seguindo igual que seguen os futboleiros os carruseis deportivos, a saber, con "minuto e resultado".

Pero, vaiamos ó exemplo de contado, para non ocupar máis espazo con esta introducción.

Imaxine, benquerido lector, algo tan común e cotián como que ten dous amigos -irmáns entre eles- que non se entenden ou que, directamente, non se aturan porque ámbolos dous perseguen facerse co control dunha empresa na que os dous traballan en distintos órganos de dirección, aínda que con distintos graos de responsabilidade.

Imaxine que un deles -o maior- asaltou o poder por delegación directa do propietario da empresa pouco antes de morrer e que dende que a xestiona, a compañía non parou de perder cartos a esgalla e de despedir a traballadores a un ritmo que só agoira a súa desintegración.

Imaxine que aquela delegación presidencial era por tempo definido e cando tocaba facer renovación dos cargos, por arte de birlibirloque, gracias a algúns asesores do seu equipo, embeleñou o papeleo completo e fraudulentamente renovou o seu cargo na dirección, cando nun artigo dos estatutos da sociedade dicía que se tal elección non era correcta, o cargo de debería ir parar ás mans de forma temporal ó outro, para liderar o proceso de remodelación, razón pola cal, un día calquera, o máis novo decidiu alzarse -aínda de forma simbólica- co cargo de director.

Como resposta a esta rección, imaxine que a maioría dos seus potenciais clientes, entre os que se atopa vostede -un máis, malia manter algún grao de parentesco con eles-, deciden pronunciarse a favor do máis novo e comunicarlle ó maior que lle poñen fin ás relacións comerciais coa empresa.

Sen embargo, vostede, que asegura pola calada non recoñecer o cargo de dirección do maior -por usurpador-, polo si ou polo non, decide concederlle un breve prazo para que reconsidere a decisión, senón...

“Senón, que...!” Diralle, esmendrellándose coa risa -como tal fixo-, o usurpador. “Vasme botar ti fóra do despacho, pobre diabo, aprendiz de matón!”

Te puede interesar