Opinión

Verás como ven alguen...

Estou seguro de que nalgún bar ou en calquera establecemento, incluso nalgún que outro estamento oficial, xa fose en castelán ou galego e con lixeiras variables morfolóxicas, vostede viu algunha vez o seguinte enunciado: "Hoxe fai un día marabilloso. Verás como ven alguén e fódeo!".

Non é que eu queira ser mal falado agora que o líder de Podemos abriu a caixa de pandora dos exabruptos lingüísticos nas cátedras da Universidade, senón que a frase literal é así e, polo tanto, por esixencias do guión no me queda máis remedio ca utilizar a versión orixinal, por máis que sexa malsoante na lectura.

O caso é que traio a colación a devandita frase lapidaria, ó fío da información que recolle hoxe mesmo -onte, para vostede- este xornal, e que nos informa de que os retrasos que acumula o plan termal levan á antiga prisión provincial a un estado crítico.
É certo que ó ser recollida pola información xornalística a problemática que dende hai décadas vive o antigo edificio carcelario esta vese expoñencialmente agudizada. Sen embargo, non fai falla máis ca pasar pola zona con certa frecuencia para testar as graves carencias estructurais dun edificio chamado no seu momento a revivir con novos usos sociais ou turísticos e que constitúe un dos paradigmas que mellor explicitan un dos máis paralizantes virus letais dos que adoece esta provincia, como é o de que, cando xorde no horizonte algún proxecto, xa sexa social, cultural, infraestructural, turístico ou de mera promoción do emprego, sempre, sempre acontece que, a xeito de Cid Campeador das esencias locais, emerxe por tras do neboeiro un cabaleiro armado en plan gardián dos intereses veciñais, que por "h" ou por "b" acaba botando abaixo o proxecto, non vaia ser que catro paracaidistas se poñan as botas cos noso predios. Por iso que é moito mellor que os terreos queden ermos, os edificios caian ós anacos e os proxectos empresariais quedan na nada, sobre a nada -que é algo así como multiplicar todo por cero- antes de que o proxecto sexa executado e poida achegar valor á dinamización económica da provincia.

Acontece isto co vello cárcere capitaliño, e así, tal como me veñen á idea, lembro que aconteceu tamén co antigo psiquiátrico de Toén, co balneario das Burgas e co mosteiro de Santa Comba de Naves. Estivo a piques de acontecer con de San Estevo de Ribas de Sil e coa fortaleza de Monterrei, e incluso co convento de Celanova e con tantos outros lugares e proxectos na provincia que me darían para encher toda a páxina.
En fin, que os ourensáns somos así. Damos leite e damos leite coma se tivésemos unha ubre de catro vacas frisonas e ó rematar a munguideira arrebolámoslle unha couce ó caldeiro para que ninguén se beneficie dela. Non vaia ser que outros se poñan ricos á nosa conta. E así nos luce o pelo!

Te puede interesar