Opinión

Vilas galegas da cultura

Hai uns cantos anos xa -se non me falla a memoria non lle han faltar moitos para que se peche o ciclo dunha década- con motivo da entrega do premio "Celanova, casa dos poetas" á Real Academia Galega, presidida daquela polo admirado Xosé Ramón Barreiro Fernández e ó que acudiu  a facer entrega un aínda recén aterrado Alberto Núñez á presidencia da Xunta, o vello e recoñecido profesor afirmou solemnemente que as vilas galegas eran o verdadeiro recipiente onde aínda se gardaba a esencia da antropoloxía que nos define como pobo e onde se mantiña a resistencia da nosa permanencia cultural na historia.

Por máis que queden afastadas no tempo, lembrei eu nantronte as palabras do expresidente da Academia, mentres asistía a outro acto de entrega dun premio, neste caso os "Galicia Parabéns" que por vez primeira concedeu a Axencia Galega para o Turismo e ós que, como non podía ser doutro xeito, asistiu tamén un xa experimentado e algo máis serodio Alberto Núñez.

Se a vostede se lle escapou a información relativa a estes premios direille que son uns recoñecementos ben dotados (400 mil euros), que contemplan dúas modalidades e que teñen como beneficiarios potencias aqueles municipios galegos que presenten algún proxecto -xa executado ou por executar- que teña como obxectivo "a conservación, mellora e embelecemento da paisaxe galega e a integración en plena harmonía dos elementos arquitectónicos en tódolos seus núcleos, buscando ademais a sensibilidade e colaboración na salvagarda da esencia da nosa terra".

E lembrei -repito- as palabras do expresidente da RAG porque hai ben anos que me rebule na cabeza unha proposta cultural que non sei se contemplou algunha vez o goberno de Núñez Feijóo, pero que se non a contemplou debería contemplala e que ven a ser complementaria desta, xa que logo, a sociedade galega precisa dun esforzo colectivo de concienciación sobre a necesidade de pervivencia da nosa identidade, non só no ámbito da paisaxe, senón tamén da lingua e da cultura. E estou seguro de que, como ben apuntou daquela Barreiro Fernández, os garantes desa conservación van ser -mellor dito, están sendo xa- esa ampla rede de vilas que tecen o noso entramado social entre esa pléiade ensarillada de milleiros de decadentes aldeas e os grandes e cada vez menos comprometidos conxuntos urbanos e nas que se conserva aínda a verdadeira alma do pobo galego.

De aí que, como xa teño apuntado noutras ocasións e dado que xa todo está inventado, a min só me toca suxerirlle ó presidente da Xunta que pense na posibilidade de contemplar a o deseño dun recoñecemento anual a catro vilas galegas -unha por provincia-, tomando como modelo a dinámica –xa contrastada- das "capitais europeas da cultura".

Te puede interesar