Opinión

Violeta

Violeta era unha moneca negra que tiña a miña filla pequena e á que un día lle escribín unha columna moi diferente a esta.


Lembreina mentres lía a crónica negra dun novo luns pola mañá con tráxico protagonismo mortal -unha vez máis- dese macabro triángulo que conforman ‘xuventude, madrugada e vehículo de alta cilindrada’, ó cal desgraciadamente os ourensáns nos estamos acostumando de máis.


E lembreina ó ler unha frase que informaba da cor do coche, un BMW que había un mes que estaba nas súas mans e que seica era dun violeta intenso ‘que non pasaba desapercibido para ninguén’, segundo relataba o xornalista sagaz.


É dicir, xa non se trataba de que o coche fose de gama alta (porque iso é peza común entre mozos do seu perfil social: 23 anos e profesional da automoción), ademais debía ser dunha cor especial, algo que fixera revirar a mirada cando el pasara por diante, repetindo unha escena exactamente igual á que reproducen ducias e ducias de anuncios televisivos sen que o departamento de control de contidos publicitarios (que non sei como se chama, pero que o hai) se decida a dictar ningunha norma reguladora ó respecto.


Seguro que era un excelente rapaz, extrovertido e capaz de facerlle pasar unha alegre velada á ‘pandilla’ alí onde houbera uns intres de troula.


Seguro que era un fillo excelente e un bo cumpridor coas súas obrigas laborais. Seguro que era todo iso e moito máis, porque tamén isto forma parte do mesmo perfil social.


Seguro... E por iso lle pido a aqueles familiares ou amigos que poidan ler isto, que non tomen esta reflexión a mal porque non pretende criticar ningunha das cualidades humanas que a bo seguro atesouraba. E moito menos responsabilizalo de nada. Senón, ó contrario, instalalo -neste intre tan doloroso para os seus paisno retábulo das víctimas polas que toda a sociedade en xeral nos debemos responsabilizar.


Todos aqueles que somos pais e temos fillos en idades semellantes sabemos que esa espada de Damocles pende permanentemente por riba da nosa tranquilidade fraternal e é por iso que esta columna non quere senón esgutiar -na hora da despedida un laio colectivo, por el, por ela e por tódolos mozos e mozas ourensáns que teñen atopado nese foxo triangular xuventude, madrugada e vehículo de alta cilindrada’ un final que ninguén agarda, pero que está. Como está a boca do lobo agardando a peza nas noites de luar.



Te puede interesar