Opinión

Vivendas rehabilitadas

Cada vez que viaxo a Cantabria -e fágoo con relativa frecuencia- volvo con ganas de escribir por comparativa, por máis que a xente diga que as comparacións son odiosas.

É certo que desta volta non tiña pensado facelo. Sen embargo, a reportaxe que hoxe (onte, para vostede) abre a información do xornal provócame, unha vez máis, sacar a regra das escalas e medir visualmente o que en cada ocasión visito por alá coa situación que mantemos aquí e que, con máis frecuencia da desexada me provoca contradicións cando escoito falar dos valores da nosa paisaxe. E non só da paisaxe natural, senón especialmente da paisaxe construída.

Titulaba o xornal, onte, que catro de cada dez vivendas da Ribeira Sacra precisan seren rehabilitadas, un dato sacado á luz trala creación por parte da Xunta de Galicia dunha área de rehabilitación integral (ARI) nos municipios que constitúen esa demarcación xeográfica e que resulta imprescindible para que o expediente da declaración de Patrimonio da Humanidade remate -como din os nosos irmáns portugueses- "con bo suceso".

Había 32 anos que non me achegaba a un profundo e pouco habitado val da Cantabria rural máis occidental, situado entre as bocarribeiras do río Saja, que conforma o máis coñecido e sonoro val de Cabuérniga, e do río Nansa, que na súa desembocadura debuxa a pequena e areosa ría de Tina Menor, xa con Asturias a unha carreiriña dun can pola estrada vella.

Chámase o referido val, val de Carmona, atendendo á poboación máis numerosa do mesmo. Unha localidade, esta, declarada, sen embargo, conxunto histórico artístico malia a non contar sequera con dous centos habitantes.

Traio hoxe esta pequena aldea que coida aínda das vacas de raza tudanca e vende como artesanía a súas tradicionais albarcas, pero podería traer calquera outra aldeíña dos centos delas que se perden entre ríos e montañas e todas, sen excepción, poderían constituíren un exemplo de conservación que, por comparación, debería darnos vergoña fronte ó noso modelo constructivo.

Seguro que arestora estará pensando vostede na política de subvencións que nas últimas décadas terá executado o goberno rexional de Cantabria e eu direille, entón, que, de ser así, dubido moito que lle quedara orzamento para outra cousa, porque mentres aquí a norma é a ruína, alí a ruína é unha rareza en cada aldea.

Cal é o misterio, entón? Pois, sinceramente creo que algo debemos poñer no haber do compromiso dos cántabros coa súa construcción tradicional, fronte ó exercicio de deserción que nós levamos décadas facendo coas casas das nosas aldeas.

Te puede interesar