Opinión

Votar co nariz tapado

Eu non sei se lle terá acontecido a vostede, benquerido lector. Supoño que despois de tantos comicios, dende a comunidade de veciños ou a asociación parroquial, ata as eleccións europeas, pasando polos diferentes referendos ós que temos sido convocados, non ha ser a primeira vez que por mera obriga democrática que o forzou a exercer o voto aínda que non tivera moi claro a quen llo dar, algunha vez se debeu meter na cabina da mesa electoral e tapar o nariz -ou os ollos- para coller determinada papeleta, porque non lle quedaba outra.

É posible que desta volta tamén haxa moita xente que acabe facendo o mesmo, porque isto é alleo ó tipo concreto de votacións e ten bastante máis que ver co estado anímico-ideolóxico polo que estea pasando un nun determinado momento, xa non respecto do partido das súas preferencias, senón do estado xeral da cuestión.

Sen embargo, se en algo se van diferenciar estas eleccións respecto de todas cantas teñen sido convocadas dende as orixes desta imperfecta democracia que nos temos concedido, é que neste caso -votemos a quen vaiamos votar- acabaremos indo todos co nariz tapado. E non tanto polo mandato imperativo do estado de alarma, senón porque este virus que nos ten pexado a todos, no caso concreto da clase política tamén fixo o efecto dunha bacteria e acabou por podrecer a pouca masa íntegra que podía quedar nesta clase política que ten o encargo de nos gobernar.

É certo que, polo menos aquí en Galicia, o fedor do magma podre non acada as altas cotas de degradación que ten conseguido tocar noutras comunidades autónomas e mesmo na denominada política nacional. Pero salpica. E, senón, ó tempo.

Iremos, pois, a votar coa mascariña posta e iso xa vai ser un detalle radical para interferir no voto (salvando evidentemente aqueles que herdan o voto de pais a fillos coma se herdaran un chalé en primeira liña de praia ou unha bandeira da patria que tocou coas súas mans non sei que líder histórico nacional), porque con total seguridade que á hora de seleccionar a papeleta todo canto teñen feito ou teñen deixado de facer os que gobernan e todo canto teñen denunciado ou teñen deixado de denunciar os que están na oposición, vai importar pouco e co que nos acabaremos quedando -porque así no lo vai lembrar o contacto coa mascariña- é o que uns e outros teñen vido facendo ó longo destes últimos e interminables meses.

Escoiteille ó presidente da Xunta dicir que é posible que trate de negociar un achicamento temporal da campaña electoral. Pola contra, escoiteille ós outros candidatos acusalo de querer "roubarlle" a voz da democracia, tratando de deixalos sen espazo para explicar as súas ofertas electorais.

De verdade cre vostede que precisamos máis, se total o futuro, co nariz tapado, non o imos poder cheirar?

Te puede interesar