Opinión

Whisky por xel

Apregunta recorrente que comeza a correr coma o maldito bicho, de boca en boca, é esa de por que tendo como temos un dos mellores sistemas sanitarios do mundo, nestes momentos xa estamos colocados no segundo lugar do ranking universal en número de contaxiados e a piques andamos de alcanzar a Italia no tráxico sprint polo número de falecidos. E aínda máis, como demo pode ser que de cada cinco persoas que teñen falecido polo ataque do microcabrón, unha sexa -como lle gusta dicir ó vicepresidente de non sei que- nosa compatriota, é dicir, dun país situado a 12 mil quilómetros do foco da pandemia e que conta con menos de 50 millóns de persoas, cando hai países que nos duplican, que nos triplican ou que multiplican por non sei cantos a nosa demografía.

Por múltiples razóns, digamos, pola súa desastrosa situación sociopolítica, porque continúan carecendo dos máis elementais productos de consumo cotiá nun mercado cada vez máis en carestía, porque están a piques de seren "abordados" polos americanos, porque o seu sistema sanitario leva anos colapsado e porque os medios de comunicación que non son afectos ó réxime están simplemente clausurados por máis que aquí non se fale nada... Por todo iso e moito máis, considerando que conta cunha poboación de pouco máis da metade da nosa, decido botar a mirada á táboa clasificatoria para reparar en Venezuela e vexo que ata este momento no que estou escribindo, nese país non chegan ós 150 infectados (146) e contan con 5 falecidos.

Neste contexto, mándame un whatsapp un vello amigo -celanovés coma min-, especialmente coñecido no entorno da Hermandad Gallega de Venezuela e que responde ó nome de Manolo Quiroga, co que adoito falar con frecuencia e me mantén ó tanto das novidades daquel país. Unha mensaxe que, polo seu desenfado e porque lle pedín o permiso correspondente, permítome trasladalo a esta columna de xeito literal. Di así:
"Ola Piñeiro: Hoxe saín a comprar xel para as mans e polo mesmo prezo comprei un escocés Jhonny Walker de 12 anos, que me sirve para lavarme por dentro, para matar o coronavirus, e para as mans. Así matei dous paxaros dun tiro".

Como ve, benquerido lector, malia a situación de deriva na que navega polo tempo aquel país, aínda se atopan na fase do divertimento, pola que xa pasamos nós nestas dúas últimas semanas.

Afortunadamente para eles, as cifras aínda llelo permite. A nós, desgraciadamente, xa non, porque o asunto xa pasou de castaño escuro e alguén terá que empezar a explicar que ten acontecido aquí que non teña acontecido noutros países para que sexamos por agora os subcampións nesta sinistra competición na que nos teñen metido.

Te puede interesar