Opinión

Xanelas turísticas en New York

Mentres as policías de Nueva York corren á procura doutro moro solitario que seica anda sementando pánico pola Gran Mazá e arredores (afortunadamente, creo que xa lle deron o alto), ocúrreseme a min falar de España. Pero non da España inconsciente, inconsecuente e agora, dende hai uns meses, tamén indefinida, pola que camiñamos a cotío nós. Senón dun pequeno espazo situado nun soto do Greenwich Village neoyorquino que dende hai medio século exactamente portén o nome de "España" (loxicamente, alí é "Spain") no toldo que lle dá refuxio ó cliente no seu exterior.

Trátase do "Spain Restaurant" que alá polo ano 1966 abriron ó público dous ourensáns da Terra de Celanova, Luís Marqués e Julio Soto, preto do porto de Manhattan, na Rúa 13, entre o porto e a Sexta Avenida, onde daquela florecía unha pequena comunidade hispana á que lle puxeron por nome "Little Spain".

Hoxe Julio Soto e Luís Marques, con 84 e 81 anos respectivamente, chova, neve ou faga sol continúan atendendo aquel mesmo negocio de restauración coma se nada tivera mudado no seu interior, a non ser loxicamente os anos que mainamente van caendo por riba dos dous.

A non ser iso e o equipo de cociña e de servizo, así como a clientela -que ven e vai e en moitos casos volve- e dende hai uns anos rexuveneceuse susbstantivamente gracias á presencia nas inmediacións da Universidade de New York, que fai que, entre outras cousas, teña o recoñecido mérito de ser o restaurante que máis Estrella Galicia vende en New York e que máis divulga, polo tanto, o nome da nosa terra entre a mocedade neoyorkina.

Por todo iso... É dicir, porque alí onde o tempo corre a unha velocidade de vértigo, onde o día e a noite se solapan sen crepúsculo separador, no restaurante Spain semella que o tempo non pasou. E porque antes de ser restaurante gozou aínda do encanto engadido de ter sido unha galería de arte dunha das máis importantes marchantes do New York dos anos trinta e corenta, a xudía ruso-americana Edith Halpert, é polo que o pasado domingo gozou do privilexio de ser obxecto dunha reportaxe no prestixioso dominical do New York Times. Así, como quen non quere a cousa!, que diría o propio Julio, por exemplo.

Se vostede segue estas lecturas con relativa frecuencia decatarase -estou seguro- de que non é a primeira vez que falo dalgún restaurante de propietario ourensán e nome español, alá en New York. E é que tamén niso somos unha potencia exterior que aínda ninguén con mando no turismo galego foi quen de explotar na súa axeitada dimensión.

Velaí, pois, o primeiro reto que lle lanzo o próximo presidente da Xunta: Mandar abrir as xanelas turísticas para que o mundo poida ver Galicia dende New York.

Te puede interesar