Opinión

Xornalistas con casco

Opinión

Xornalistas con casco

Éevidente que a vida cotiá dun país, dende fóra do territorio vense cunha perspectiva diferente.

Nestas andei eu estes días, falando con xentes de Polonia, de Holanda, de Grecia, de Italia, incluso de Croacia (todos eles -coma toda Europa- con roupa que lavar) no transcurso das sobremesas e  os momentos de ocio e todos eles fan unha pregunta esencial disgregada en dúas, pero dun ou doutro xeito esencial: Que pasa en Cataluña e por que?

Mergullados todos nunha linguaxe de aproximación europea, de traballo en conxunto e de compartir experiencias (que é o fin primordial para o que foron creados -ademais loxicamente do reparto do investimento- os programas, nunca mellor dito de cooperación, resulta complicado para países na maioría dos casos fortemente cohesionados na actualidade, como pode ser o caso propio de Polonia, entender que é o que acontece nun Estado dos máis puxantes do conxunto continental e, sobre todo, nunha comunidade que todos eles contemplan como exemplo de impulso, economía, progreso e modernidade, como é o caso de Cataluña, que conta cunha capital que practicamente todos coñecen ou, se non coñecen, devecen por visitar.

Debo confesar que resulta complicado tratar de explicar, que é o que acontece neste noso Estado dende que a democracia -forte ou feble- se instalou nos nosos fogares. Un estado que todos queremos afogar, pero que no fondo flota coma un tronco, malia que por veces semelle que acabará por naufragar.

Resulta complicado facelo, sen caer nese resumo sinxelo ou no autoengano, dos bos e dos malos, dos que menten e dos que dis que contan a verdade, sobre todo porque nin sequera un mesmo o ten claro metido na marexada deste debate sen fin sobre os dereitos adquiridos e a represión estatal, sobre a lei e a subversión da propia lei por imperativo popular ou sobre de quen son os dereitos, se do individuo ou do territorio..., e así ata o punto de nunca acabar.

Pero o que máis difícil me resultou de explicar e xa non para facerllo entender ós meus contertulios se non para poder entendelo eu mesmo, foi cando, seguindo a información dende a habitación do hotel, de súpeto apareceu na pantalla a imaxe dunha moza xornalista con banda identificativa no brazo -igual que os reporteiros de guerra- e, sobre todo, con casco, coma se estivese retransmitindo unha peza informativa dende calquera país de América Latina ou dende os Balcáns.

Non mo crerá, pero ó vela erguinme coma un resorte da cama e por instinto saqueille unha foto á pantalla porque non daba crido que aquilo puidera estar a pasar.