Opinión

Xosé Velo: Máis aló da anécdota

Omesmo día que tomou terra no aeroporto de Maiquetía -tan de actualidade esta última semana-, escribiu a seguinte reflexión: "Nada traigo conmigo. Una maleta vacía, cinco dólares, muchas esperanzas arruinadas, pero sobre todo, la vocación millonaria de paz y libertad que nos prohibe hacernos viejos".

Era o 9 de outubro do ano 1948 e Xosé Velo Mosquera dispúñase a pisar por vez primeira Venezuela. No medio, unha fuxidía viaxe facilitada por un pasaporte de emerxencia expedido polo cónsul de Venezuela en Lisboa, que sen dúbida lle salvou a vida: "El avión, molinero del aire, muele que muele cosechas de distancia noche adentro. Por una hora de vuelo, mil costales de lejanía me van aplastando el alma".

Así de literariamente dramáticas eran as sensacións que naquela viaxe de ida experimentaba un home que non fixera outra cousa dende que tomara conciencia da vida, ca loitar pola millonaria vocación de paz e liberdade do seu pobo, Galicia.

"Allá se nos va quedando todo cuanto es amor o dolor entrañablemente auténtico. Lo que siempre queda después del último despojo: la familia, mi Galicia mártir, nuestra Hespaña prisionera tras las rejas de sus cárceles innumerables. Las cárceles del cuerpo y las del espíritu. Las de los patios chiquitos para nutridas aglomeraciones, donde penan, incesantemente, los condenados. La que ni patio tiene en pura celda de castigo. Ay!, la traidora cárcel de los patios grandes en la Plaza Mayor de cada pueblo, donde se recluye la esperanza de los que van saliendo" (...)

Estes textos escollidos, escritos por Pepe Velo nun intre transcendental da súa traxectoria vital (como el mesmo dixo noutra ocasión, destes intres tería moitos), tráioos hoxe a colación a xeito de ínfimo botón de mostra do moito que nos queda por saber deste galego de Celanova (no devandito pasaporte estendido en Lisboa rezaba como profesión a de profesor e como filiación política "republicano galeguista) que o próximo sábado contará cun busto no Parque das Triguerizas da súa vila natal, vindo a unirse a súa memoria á do seu admirado Curros Enríquez, á do seu compañeiro de xuventude e acción política Celso Emilio Ferreiro, así como á do omnipresente San Rosendo, patrón consciente de todos eles.

E tráioos para que os lean con tino e sentidiño aqueles que adoitan viviren instalados na anécdota e só centran a súa mirada despectiva nunha semana da súa vida, cando a vida -curta, en todo caso, pero inmensamente intensa- de Pepe Velo durou case tres mil semanas.

Te puede interesar