Opinión

Zancas de rata e ás de morcego

Leo na rede que o comisario europeo de Mercado Interior vaille propoñer á Comisión Europea a organización dunha conferencia de tódolos estados para abordar a problemática específica do turismo dentro da Unión.

"Debemos aproveitar este momento para reinventar o turismo de mañá", afirmou Thierry Bretón, que así se chama o alto comisionado europeo, quen avogou, entre outras cousas, por dotar dun meirande protagonismo "o turismo de proximidade e a dixitalización con plataformas máis responsables".

Por outra banda leo tamén os resultados dunha enquisa realizada polo Laboratorio de Patrimonio e Turismo Cultural da Universidade de Barcelona destinada a ter un coñecemento aproximado de a onde viaxarán os cataláns cando pase todo isto e as respostas apunta maioritariamente sobre puntos bastante alonxados do "mundanal ruído", tales como o Delta do Ebro (30%), a Costa Brava (28%) ou os Pirineos (20%).

Ó mesmo tempo, máis ou menos, leo tamén que o presidente da Deputación convocou a unha serie de profesionais do sector e representantes políticos da provincia para constituír un Consello Asesor de Turismo co obxectivo de desenvolver unha estratexia que poida alumear unhas mínimas raiolas de sol sobre tanta brétema como por desgracia se albisca. A proposta que haberá de saír desa mesa de traballo está baseada -apuntou o presidente- no lema "Ourense, destino seguro".

Lévanme estas informacións en escala a reflexionar, dende a perspectiva específica do turismo cultural en terras do rural -que é o que me queda máis a man-, sobre se realmente lugares coma os nosos serán quen de volveren ver a luz do turismo no contexto de emerxencia (de emerxer) nesa "nova normalidade" (concepto que, por artificioso, detesto) que con grande impostura nos anuncia o, hoxe todopoderoso, señor presidente.

Vaia por diante que son concordante con esa revisión á mirada curta e achegada dos destinos á que creo que se sumarán inicialmente os turistas, porque, por unha banda, o ser humano mantén intactas as gañas de coñecer e incrementadas as de viaxar para satisfacer esa sede de coñecemento, mentres que pola outra dáme a min que esas aventuras exóticas de ir xantar zancos de ratas e ás de morcego a onde nace o sol creo que desta volta quedaron clausuradas para unha boa chea de tempo.

Ora ben, como lograr un posicionamento? Velaí a gran pregunta...

Ó meu ver, asentando a nosa oferta nunha debilidade que se pode converter nunha oportunidade: O noso máis que evidente grao de descoñecemento. É dicir, tratando de vender que os autenticamente exóticos somos nós e todo canto, oculto, temos arredor. Aínda que non cociñemos zancas de rata nin ás de morcego.

Te puede interesar