Opinión

O novo avatar de Arturo Baltar

Arturo Baltar inicia outro dos seus avatares, como denantes do meio milenio que sempre confesaba. Unha tarde das nosas tertulias con Risco, no Bar Parque, acenando co indicador cara á xanela, afirmou: “Don Vicente, eu ben me lembro cando vostede xogaba ao aro, no Campo da Feira”.
Cantas noites de viño en barro xuntos, na cova daqueles tempos, tentabamos emerxer da lama que ameazaba con nos engulir, agatuñando por os ramos  do Carvallo da Nós.

O gran modelador da terra pertencía –como Virxilio, Antón Risco, Valente, Tovar, Xulito López Cid, Lalo Valenzuela…- á xeración ponte.
Ourense do milagre ático, quer cos xenes de Breogán, quer dos suevos, o único Reino real da Galiza. Un era da xeración seguinte, a dos Artistiñas, mais tiña a dobre sorte de se xornalista noviño no mellor xornal do mundo, La Región, pois.
O Arturo Baltar, coido, tratábame con particular agarimo, como se me vise precisado de valedores. Moi natural. Mais dunha noite levábame a súa casa das Burgas, onde me agasallaba a súa nai.

Outra noite das mil e unha marchamos todos, na furgoneta do noso mecenas Adolfito Estévez a Verín, de camiño ao Entroido por moito que o Carnaval se chamase oficialmente “Fiestas de Primavera”. Era noite pecha, só alumeada polos relampos e a música dos trebós. De súpeto, atarrecido, o Arturo quíxose baixar en marcha do carro.

Anos despois integrámonos na Fundación do gran pensador da rúa de Santo Domingo. Na Ziralla, onde hoxe segue a traballar arreo os eidos abertos polo Mestre.
Por iso, cando de madrugada soubemos que chegara a hora do pasamento do Baltar, crimos que quizá se trataba dunha desas “posverdades”, porque o artista –mesmo se compartíamos mesa todos nós- desaparecía e aparecía enfrente, a comer en solitario, mais ben visibel.
Arturiño Baltar, facedor de folgas agachadas cando era ordenanza do nacionalsindicalismo.  Arturito, non “melancólico” nen “introvertido”, como se está a simplificar.
Home coa tranca baixo a retranca, se alguén, por se gabar a merecía. Arturo Baltar, artista da Galiza.
Até a noite, tocaio.

Te puede interesar