Opinión

A débeda de Galicia con Florencio Delgado Gurriarán

No Nadal de 1980, os académicos da RAG Francisco Fernández del Riego, Xulio Francisco Ogando Vázquez e Valentin Paz Andrade asinaban un escrito dirixido á docta corporación no que se cualificaba o poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán como “un dos mais senlleiros representantes da nosa literatura”, como “un de tantos que lle tocan xogar e perder, calar e marchar”. El mesmo o dixera cando foi recibido como membro correspondente en México, onde foi respectado e querido en todolos círculos literarios. Viñeron ao Barco persoalmente a ratificar esta cualificación os académicos Ogando Vázquez, Ramón Piñeiro e Paz Andrade e máis o dramaturgo barquense Lauro Olmo e o artista Isaac Diaz Pardo.

A actividade literaria de Florencio abarca desde o ano 1928, en que publica poesías en xornais e revistas, ata un ano antes de morrer en que Ediciós do Castro publica o seu derradeiro libro, “O soño do Guieiro”, pasando por “Bebedeira”, “Galicia infinda” e “Cantarenas”. Sempre sublimando a Galicia, sempre en galego.

Florencio Delgado Gurriarán o inclúe Carballo Calero entre os novecentistas, grupo formado por Manuel Antonio, Amado Carballo, Blanco Amor, Euxenio Montes e Federico García Lorca. Figura asemade o poeta valdeorrés na Historia da Literatura Galega de Fernández del Riego e Varela Jácome. Como di Xosé Gayoso, primeiro presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, a poesía de Florencio é a poesía da natureza, do ciño e do amor. Según Carballo Calero, esta poesía está integrada na escola hilozoista, de personificación da natureza que inspira vida e amor a todalas demáis criaturas. A cantar a Galicia dedicou toda sua longa vida. Imos pois pregarlle á Real Academia Galega que lle dedique a Florencio un dos dous vindeiros anos. A un dos poetas defensores da galeguidade, que tivo sempre a Galicia como tarefa. Como ben decía Manuel María a quen isto suscribe xa no ano 2002: “Sinto que non lle adicaran as Letras Galegas a Delgado Gurriarán, poeta do meu gosto. Sen dúbida axiña lle tocará o turno”. Tamén Ogando Vázquez pronunciábase de xeito moi parecido: “Entre todos faremos andar o carro para adiante, e mal seña que non conquiramos cousa tan xusta e ben gañada polo poeta de terras valdeorresas, anaco fermoso da Galicia infinda. Un bó galego”.

Te puede interesar