Opinión

Auriabella, un berce xornalístico de dimensións universais

A esenza dun pobo conformaa a personalidade e sociabilidade; se aquela entra en crise e permite esvaecer a súa identidade propia, esmorecerá como tal. Galiza logrou manter a súa idiosincrasia a pesar da etapa histórica dos séculos escuros e da longa noite de pedra.

Auriabella, así denominaba a Ourense a condesa de Pardo Bazán da que era gran namorada, durmiñou ata a Restauración na que espertou do seu letargo, parella ao resto de Galiza, adquirindo unha vitalidade inexistente anteriormente; prodúxose logo a trasformación social e económica. O Ourense modernista tomou outros aires; o crecemento demográfico foi proporcional: en 1857 ían censados 11.012 habitantes; en 1877, 12.856 e, en 1900, 15.194. No eido cultural e político eclosionou cunha ledicia inconmensurable.

Auriabella foi a segunda cidade máis literaria e xornalistica do mundo despois do Dublín de Joyce. Xornalísticamente gostaríame destacar dúas casas que de seguido cito e tres personaxes senlleiros: Valentín Lamas Carvajal, Vicente Risco e Arturo Noguerol.

A casa número 18 da rúa Lepanto ten unha historia parella á da casa número 12 da rúa da Paz; ambas posuiron unha longa historia no eido do xornalismo.  A Imprenta La Propaganda Gallega tiña nela a súa sé. Lamas Carvajal relacionou con esta casa e imprenta a dous xornais seus: “O Tio Marcos d´a Portela”, o xornal máis galego por excelencia de todos os tempos, subtitulado “Parrafeos d'o Pobo Gallego”, e administración do seu xornal “El Heraldo Gallego”. Outro xornal ourensán titulado “El Avisador Orensano”, tiña a súa redacción e administración neste número 18 de Lepanto e a imprenta era a repetida “La Propaganda gallega”; o seu primeiro número saiu do prelo o 11 de xullo de 1878 e o derradeiro o 20 de agosto do mesmo ano. A súa periodicidade era diária, menos os festivos ainda que, por veces, era irregular.

 A casa número 12 da rúa da Paz tivo o mesmo atractivo; nela estiveron relacionados as seguintes publicacións:

A  imprenta “La Editorial” tiña nela a súa sé. Mentres, catro xornais tiveron relación coa antedita casa:

“El Maestro Orensano” tiña a sua redacción e administración na rúa de Alba, 12 e a súa imprenta era “La Editorial”. Foi publicada entre 1902 e 1908, tendo unha periodicidade decenal, os días 1, 10 e 20 de cada mes. Angel Ferrín Moreiras foi o seu creador e director.  “La Voz de Celanova”. Ten a súa orixe en Celanova sendo administrador Luis Meleiro e Manuel Casas Estévez como director. A redación e a administración estaba na ourensá rúa de Colón, nº15, e a súa imprenta era tamen “La Editorial”, na Paz, 12. “Galicia Ilustrada” tiña a súa redación e administración nesta casa da rúa da Paz e a súa imprenta, “La Editorial”. A súa periodicidade era semanal. O seu director era Xerardo Álvarez Limeses.  O xornal limiao “El Eco Antelano”, ainda que tiña a súa redacción e administración na rúa Progreso, 26 – 2º de Xinzo, a súa imprenta era “La Editorial”. Saía os domingos e estaba dirixido por José Santiago entre 1911 e 1912.

Valentín Lamas Carvajal foi xornalista e creador de diversas publicacións periódicas. Foi o escritor por excelencia do xornalismo da segunda metade do século XIX, creando diversos medios de comunicación nos que defendeu o seu ideario da Galiza que desexaba preservar, así como o cerne pobo que tanto amou e os seus costumes. 

Os xornais de Lamas Carvajal

Na biografía de Lamas Carvajal, por orde cronolóxico, debemos mentar a "O Tio Marcos d´a Portela",  saído da imprenta sita na casa nº 18 da rúa Lepanto ainda que tiña a redacción e administración na rúa de Alba, 15; a súa periodicidade era quincenal, sendo o 7 e o 22 de cada mes os días de saída á rúa; posteriormente dende 1876 ata 1889 saía do prelo semanalmente; o primeiro número saiu o 7 de febreiro de 1879 e o derradeiro número foi o 430, datado o 22 de decembro de 1889. Este xornal foi o único publicado integramente en galego.

No mesmo local, Lepanto 18, Lamas tivo a redacción e administración do seu xornal "El Heraldo Gallego" (Ourense de 1874 a 1880); saira o primeiro de xaneiro de 1874, tres días antes da súa voda con Rosina Sánchez e do que foi director-propietario desde o número 37 foi editado en varias imprentas entre elas na do propio "Heraldo …", na rúa Hernán Cortés, 17 e, posteriormente, na imprenta “La Propaganda Gallega”; o seu primeiro número saiu en xaneiro de 1874 e o 408, o derradeiro, o 23 de outubro de 1880.

Ademais, no ano 1880 iniciouse a publicación do terceiro xornal de Lamas "El Eco de Ourense", que ata xullo de 1892 era bisemanario e trisemanario, converténdose desde o 1º de agosto de 1892 en xornal; seguiu dirixindo este ata a data da súa morte acaecida o 4 de setembro de 1906. Modesto Lamas, fillo de Valentín, dirixiu trala morte do seu pai o mesmo ata a súa desaparición en 1909. Désuse a casualidade que o día do pasamento de Lamas constituiuse a Real Academia Galega.

"La centuria" e  a revista "Nós"

Arturo Noguerol, o xornalista, o arbitrista e financeiro do galeguismo, tomou parte en moitas iniciativas culturais e políticas galegas. As dúas máis importantes realizounas con Vicente Risco, o filósofo e pensador do galeguismo, o arqueólogo e escritor. O ano 1917 marcou un punto e aparte na vida  de ambos porque tiraron da imprenta de Antonio Otero, no número 15 da rúa ourensá de San Miguel, o primeiro número, dos sete de que constou, a revista neosófica “La Centuria” (1917-1918); fundaronna ámbolos dous como unha sociedade na que eran xerentes únicos. Serviu para xermolar o que apenas dous anos máis tarde foi a maior consecución da cultura galega: A revista "Nós". Entre ambas revistas constituiron a "Irmandá rexionalista D'Ourense”. 

Noguerol e Risco, ademáis, publicaron artigos onde amosoraron o seu carácter avanzado, progresista e centífico nos que mesturaron a defensa da tradición galega con outros moi vixentes daquela no que pretendían modernizar a sociedade galega. 

A revista "Nós" tivo a súa primeira redacción e administración na rúa Padre Feixóo, número 12 no despacho de avogado de Arturo Noguerol durante os primeiros dezanove números. Arturo era o seu xerente e Vicente Risco o director literario. A segunda administración estivo no despacho de Vicente Risco na casa número 47 de San Domingos de Ourense. A rúa Real 36 – 1º na Coruña acolleu a terceira administración e a cuarta e derradeira en Santiago de Compostela na rúa Hortas, 20. Constou de 144 números. O primeiro saiu do prelo o 20 outubro de 1920 e o derradeiro, o 139-144, en xullo de 1936 e que, por motivos políticos, non fora distribuído.

Todas estas publicacións galegas elevaron a Galiza ao cumio do xornalismo mundial que nos honra e que desexo volva áo mesmo nivel. Saúde e terra!

Te puede interesar