Opinión

Co lume acendido, cara á nada

Non sabemos cales son as causas, non sabemos o porqué, pero sabemos que ocorre e sufrimos as súas consecuencias infaustas. Non sabemos porque se acende o lume nestes montes e bosques do noso país, do país da chuvia fresca e da auga morna, pero somos conscientes da destrución paulatina do noso ecosistema e do que nos rodea. Os incendios son destrutores do chan, dos produtos naturais, da gandería, da economía do país e da convivencia. Producen situacións lamentablemente impresionantes, son a conversión do patrimonio colectivo, do patrimonio individual, do público e do privado, do todo en nada. 

Mentres se calcinan as terras de tódalas esquinas, os sociólogos, politólogos, economistas, psicólogos, tertulianos de tódalas radios que emiten neste universo mediático, danlle voltas ao debate das ideas e das propostas, ano tras ano, e, en conclusión, nada de nada. É conveniente forzar a maquina ata conseguir que os bosques sexan menos vulnerables ao lume, é necesario aplicar mecanismos de prevención e de educación, como remedios eficaces contra das lapas e dos seus perniciosos efectos.  

En Galicia, segundo os expertos, a actividade incendiaria é enorme e nalgún ano chegou a producir uns 12.000 lumes, o 50% dos de tódalas comunidades autónomas. Malia o demo! Este ano imos mal outra vez, arderon os poucos érbedos que había en Galicia, os lumes queimaron máis de 800 hectáreas de bosques da Rede Natura, en Navia de Suarna, no Caurel e en Padrenda. Os responsables políticos insisten na intencionalidade dos incendios e aí queda o seu discurso cativo, carbonizado e escurecido. A tía Manuela, que emparedaba os terróns e facía tolas na bouza, cavada polas aixadas agarradas coas maus aradas dos labregos lugareños, tíñao claro: coidado co lume! Que despois non queda ren, nin para os que pensan que gañan.

Te puede interesar