Opinión

Filme necesario

  

Nun momento de “A casa dos babys” (2003), tal vez o máis emotivo desta nova incursión do sempre interesante John Sayles no mundo mexicano, unha camareira de hotel cóntalle a unha irlandesa que está alí esperando poder adoptar un neno, que ela mesma tivo que ceder en adopción á súa filla, que tivera nun momento no que non podía criala. A irlandesa escóitaa con toda a atención, pero... non a entende: nin ela fala castelán nin a camareira inglés.

Este diálogo respectuoso, pero incomprensible, é a perfecta metáfora que explicita o mundo de sentimentos que move unha película como “A casa dos babys”: centrada en seis mulleres americanas que esperan, segundo as leis mexicanas, a que se lles autorice recoller un neno en adopción, a película afonda nas contradicións de todos os axentes que se moven arredor de tan emocional forte universo. Uns fronte a outros, quen dá a adoptar e quen adopta, as súas realidades están marcadas por prioridades do todo desiguais. E aínda que cumpren cos requisitos da lei, ninguén poderá xamais garantir que a persoa idónea é a que recibe.

Cunha ollada tan libre como adoita ser a súa, John Sayles furga nesta crúa vivencia, sen esquecer ningunha das contradicións que se moven arredor da adopción. Por exemplo, que no paradisíaco marco de Acapulco tamén hai barrios miserentos nos que viven os mesmos que serven, no hotel dos babys, ás podentes americanas que veñen a adoptar. Por exemplo, que esa mesma miseria é a que impide que moitas nais biolóxicas poidan ver crecer ós seus fillos coma calquera nai do primeiro mundo, ou que empurra ós pequenos a vivir na rúa. Por exemplo, en fin, que os que máis esbardallan contra o estado de cousas, por moita razón que teñan, non fan nada por poñerlle remedio.

Así, o filme vai apuntando, coma sen querer pero con calada, soberana eficacia en varias direccións. É un filme necesario sobre un tema candente e sobre o cal o cine tan pouco se pronunciou ata agora. E deixa moitas preguntas no aire: a máis incisiva, se non será que hai nais adoptivas que non se merecen ós fillos que a miseria deixa nas súas mans.

Te puede interesar