Opinión

A merenda de chocolate

Non sei quen me preguntou o outro día algo sobre o chocolate, de se me gustaba o chocolate. Hoxe, a verdade, é que non moito. Resúltame moi estoxadizo, ata o mesmo aburrimento. De rapaz si que me gustaba. Creo que de rapaces, o chocolate nos gusta a todos. De adultos, levan a fama as mulleres. De rapaz gustábame, pero antes de marchar para Os Milagres, ou sexa, antes de cumprir os 10 anos, tal produto, na miña casa, brillaba pola súa ausencia. 

O chocolate había que mercalo, que non se daba nin nas leiras nin nos terreos. Non había cartos para mercar. Na miña casa, en vez de mercar, vendíase. Vendiamos de todo. Desde un litro ou dous de leite (as vacas, logo de arar unhas leiras, non é que soltasen moito polos tetos, e se aínda por enriba llo tiñan que dar a algúns becerros...) ata media ducia de ovos. Digo que o chocolate brillaba pola súa ausencia... ata que cheguei a Os Milagres. Alí si, alí era de uso diario na merenda. Unha rutina que emprendiamos nun corredor longo coma os días de maio facendo unha cola na que acontecía de todo; desde risas a base de gargalladas ata abusos ós máis retraídos, desde berros ata pelexas. Aquilo era a xungla. 

Pero hai que ter en conta que naqueles 20 ou 30 minutos pasaban por aquel corredor uns 400 alumnos para recoller un boliño de pan e as, creo, que catro onzas que nos daban para acompañar. Era a nosa merenda. Naqueles tempos, bendita merenda! Lembro que cando lle tocaba a unha curmá miña o reparto, medio ás agachadas, por debaixo do bolo, puña outra catro onzas máis. Gloria pura!

Te puede interesar