Opinión

Nós e outras especies invasoras

Ooutro día fun visitar o mosteiro cisterciense -orde invasora de Francia- de Santa María de Oia. Precioso. Especialmente interesante coas interesantes e entretidas explicacións da guía ourensá -Gema- que nos acompañou a un grupo de visitantes. Despois, para completar a xornada fomos comer algo. Zamburiñas, pedimos de primeiro e, de segundo, arroz con lumbrigante, que é como lle chamamos en bo e tradicional galego ao que por aí fóra lle chaman “bogavante”. En fin, hai que coidar da xente e non está de máis empezar, de cando en vez, por un mesmo. A atenta camareira preguntounos, ao rematarmos os bivalvos, que que tal as zamburiñas. Díxenlle que delicosas... as vieiras do Pacífico. E que isto llo dicía sen reproche porque zamburiñas só comera unha vez, hai moitos anos, no parador de Baiona; logo viñeron as volandeiras e máis recentemente estas vieiras do Pacífico a ocupar o seu nome. Sorriu, cúmplice, erguendo unha cella e o ombreiro dereito como dicindo amablemente “É o que hai”. O arroz co seu bicho tamén estaban magníficos, pero eu non lles son tan experto nin consumidor habitual como para saber diferenciar o lumbrigante de aquí do das costas do Canadá. E naquel momento pensei, se igual que o cereal vido de América lle ripou o nome, entre nós, ao propio, e o millo pasou a ser o chegado de fóra, e o da terra pasou a ser “millo miúdo” -que en castelán conservou “mijo” fronte á nova palabra americana “maíz”- non sei se eses novos usos da palabra zamburiña acabarán por facerse xerais e a zamburiña auténtica, a das aletas asimétricas e máis alargadas co “pé” agrisado e non laranxa, acabará con outro nome, como “zamburiña miúda” ou así. E igual que nos nomes, deume por pensar nas queixas contras as especies invasoras, levándome á idea unhas lapiñas novas que, segundo me ilustran os amigos nese botármonos aos camiños que é preguntar algo ao aire no Facebook, chámanse, miren que cousas, “crepidula fornicata” -debe ser polo moito que se reproducen- e que levo topando, cada vez máis, no areal de Areas, concello de Sanxenxo. Seica chegaron a Europa desde América coas barcazas do desembarco de Normandía, e seica acaban coas nosas ostras, redondas e finas, e non coas francesas, alongadas e duras, pero esa é outra historia.

Pois ben, cumpría ter máis coidado e tino co de “especies invasoras” porque invasores somos todos. Non xa porque veñamos das barroncas de Olduvai, de onde saíron os tataravós australopitecus; ou de Centroeuropa, de onde viñeron os bisavós celtas; ou de Italia, de onde viñeron os avós romanos; ou das terras alemás, de onde viñeron os pais suevos... Sen ir máis alá, os meus monxardíns viñeron de Asturias e antes de Francia, creo... Por non falar dou-

tras especies de fóra. Millo, pataca, tomate, cacao, de América; café, de África; arroz e marihuana, de Asia; o viño, do Cáucaso. As oliveiras, as laranxeiras... en fin. Se cadra hai que distinguir entre “especies convidadas”, as sinaladas, que viven sen “descontrolárense” entre nós, e as invasoras propiamente ditas, que como a rata e o home, tende a invadilo todo. Como mimosas e eucaliptos, por exemplo. Imaxinen que a vide fose invasora e inzase nos montes con cepas de caíño, treixadura, brencellao, mencía, loureira... tal que xestas, toxos e silvas. Tería o seu aquel, desde logo.

En fin, difícil é convencer a un invasor de pasar á categoría de convidado. Hai que falar co eucalipto, a ver se o entende. Se non... bótase da casa.

Te puede interesar